Hoxe xoves 20 de maio ás 19:30
Amnistía Internacional organiza un acto en Príncipe para denunciar a violación de dereitos humanos en China

Activistas da ONG repartirán periódicos “censurados” sobre a liberdade de expresión, a pena de morte e a represión de minorías étnicas
Amnistía Internacional / Vigo
Ao berro de “Extra, Extra”, activistas de Amnistía Internacional repartirán un periódico “censurado” sobre as violacións dos dereitos humanos en China o xoves, 20 de maio, a partir das 19:30 h. na rúa Príncipe (esquina Velázquez Moreno) en Vigo. “A falla de liberdade de expresión, a persistencia da pena de morte, a represión dos defensores de dereitos humanos e das persoas de etnia uigur que viven no oeste de China son as nosas principais denuncias”, declarou Toni Alonso, voceiro de Amnistía Internacional en Vigo, que pediu que España “como presidente da Unión Europea, aborde estes temas con China, no contexto do debate sobre a renovación do embargo de armas imposto hai anos pola UE a este país”.
Membros de Amnistía Internacional distribuirán folletos informativos e recollerán sinaturas polo caso de Yang Chunlin, defensor de dereitos humanos, preso de conciencia condenado a 5 anos de cárcere, incomunicado e torturado por "incitar á subversión do poder do Estado".
En China, os activistas que tratan de informar sobre violacións de dereitos humanos, criticar políticas consideradas "delicadas" ou promover a súa causa, póñense no risco de sufrir as graves consecuencias que supoñen cuestionar ao Goberno. "As autoridades empregan cargos amplos e vagamente definidos, como roubo, posesión e filtrado de segredos de Estado e subversión para deter arbitrariamente a quen os critican”, declarou o voceiro de Amnistía Internacional en Vigo. "Moitos son encarcerados como presos de conciencia tras xuízos de motivación política”. Mentres, cada vez son máis os que son recluídos baixo detención domiciliaria, vixiados de forma invasiva pola policía, que monta garda no exterior das súas vivendas.
En China hai aproximadamente 68 delitos punibles coa morte, varios deles non violentos, e é aquí onde se executan a máis persoas ao ano en todo o mundo. Amnistía Internacional calculou que durante 2008 China levou a cabo polo menos 1.718 execucións, e condenou a morte a 7.003 persoas. Ningunha persoa condenada a morte en China é xulgada con garantías de acordo coas normas internacionais de dereitos humanos. Ademais, o acusado debe demostrar a súa inocencia, no canto de probarse a súa culpabilidade, e o seu acceso á asistencia letrada é limitado.
A identidade étnica do pobo uigur de China occidental é sistematicamente menoscabada. As políticas gobernamentais (restricións sobre o idioma ou a liberdade relixiosa) están destruíndo os seus costumes e, xunto coa discriminación laboral, están avivando o descontento e as tensións étnicas. O goberno orquestrou unha campaña agresiva que desencadeou o arresto e a detención arbitraria de miles de uigures acusados de “terrorismo, separatismo e extremismo relixioso” por exercer pacificamente os seus dereitos humanos.
A semana pasada o Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación español negouse a entrevistarse coa activista uigur Rebiya Kadeer nunha visita organizada por Amnistía Internacional. As autoridades chinesas fixeron un chamamento á comunidade internacional a non dar a voz a Kadeer, xa que as súas actividades noutros países prexudican os intereses chineses, e pediron non favorecelas en beneficio das relacións bilaterais con China.
O caso de Yang Chunlin
En marzo de 2008, o activista de dereitos humanos Yang Chunlin, que traballaba en favor de decenas de miles de agricultores que sufriron a confiscación das súas terras para proxectos de desenvolvemento, foi declarado culpable de “incitar á subversión contra o poder do estado”. Detido en xullo de 2007, foi condenado a cinco anos de cárcere, seguidos de dous anos de privación de dereitos políticos. Habitantes da zona afirmaron que os cargos contra el eran debidos a súa condición de activista. A policía non permitiu que os seus avogados se reuniran con el ata outubro de 2007, cando xa levaba catro meses baixo custodia. A data do xuízo non lle foi comunicada ata o día anterior, polo que non puido preparar a súa defensa. O tribunal tardou uns seis minutos en pronunciar o veredicto.
As visitas da súa familia foron escasas, e con periodicidade errática, Yang Chunlin é obrigado a traballar facendo lanternas de papel dende as 5 ou 6 da mañá e ata as 7 ou 8 da tarde, cun descanso de tan só 10 minutos para comer.
Amnistía Internacional emprendeu unha campaña de recollida de sinaturas para que España, en nome da Unión Europea, esixa a liberación deste preso de conciencia e manifeste a súa preocupación polas torturas das que foi obxecto. O sitio web da ciberacción é: http://www.es.amnesty.org/presidencia-europea/casos/yang-chunlin/
Ningún comentario:
Publicar un comentario