20 de maio de 2010

MUNDO

OS MEDIOS INTERNACIONAIS FÁNSE ECO DA EXPULSIÓN DE IVÁN PRADO DE ISRAEL




- O prestixioso The New York Times publica na súa edición do 17 de maio un artigo no que relata o caso do artista español xunto á recente expulsión de Chomsky

- O diario Haaretz, un dos rotativos mais lidos de Israel e da comunidade xudía en Estados Unidos, tamén deu cobertura á noticia

- Prado foi expulsado de Israel o pasado abril cando intentaba desprazarse a Palestina para proseguir coa organización do Festiclown Palestina 2010

Manuel Vicente / Compostela

A expulsión a finais de abril do clown Iván Prado, director do Festiclown e do colectivo Pallasos en Rebeldía, chegou ata as redaccións de medios como The New York Times. No caso do rotativo estadounidense, a expulsión de Noam Chomsky foi o detonante para revisar accións similares do país hebreo, entre as que figura a sufrida recentemente polo artista galego.

Desde o pasado 26 de abril, data da súa deportación, os medios estatais recolleron a experiencia de Prado baixo titulares como “Hasta los 'clowns' son un peligro para Israel” (Público, 04/05/10), “De narices rojas contra la frontera de Israel” (El País, edición Galicia, 16/05/10) ou “Las risas, censuradas en Palestina” (Mundo Solidario, RNE, 03/05/10). Tamén abundaron as noticias que deron por boas as explicacións do Shin Bet, o Servizo de Seguridade Xeral israelí, que xustificou a expulsión de Iván Prado e a súa tradutora, Laila Tilawi, pola negación do primeiro a proporcionar información sobre “os seus lazos con organizacións terroristas palestinas", extremo que foi desmentido polo propio Prado nun comunicado no que negaba calquera vinculación con asociacións terroristas de ningún tipo.

Ademais de The New York Times, parte da prensa internacional recolleu a expulsión de Prado, como é o caso do diario dixital libanés al-Akhbar que publicou a noticia baixo o titular “O pallaso que aterrorizou a Israel” (www.al-akhbar.com, 10/05/10), do mesmo xeito que o sirio Nabd-sy ou o Arabian Bussines. A polémica tamén se desatou en Israel onde se alzaron voces críticas cara á expulsión de Prado, como é o caso do medio Haaretz, que se referiu a el como “Spain's most famous clown” e que dedicou un amplo espazo ao tema (Haaretz; 06/05/10), incluída unha columna do xornalista Gideon Levy, un intelectual oposto ás políticas do estado israelí nos territorios palestinos ocupados e recoñecido polo seu labor en defensa dos dereitos humanos (Haaretz; 09/05/10).

Actualmente, Iván Prado continúa coas accións de promoción do proxecto Festiclown Palestina 2010. Tras o seu recente paso polo MagiClown ibicenco, o pallaso galego prepárase para afrontar as súas próximas citas que o levarán este venres 21 a Bilbao e ao día seguinte, á Umore Azoka-Feira de Artistas de Rúa do Humor de Leioa. O obxectivo: solicitar fondos e adhesións para que o Primeiro Festival de Clown de Palestina sexa unha realidade no outono deste ano. Destacadas figuras do panorama artístico internacional apoian o proxecto, entre eles destacan Leo Bassi e Amparanoia, así como numerosos artistas do mundo do circo e do clown como Elliot (Bélxica) e Alba Sarraute (Cataluña) ou o mago Jorge Blas (Madrid) que confirmaron a súa participación no festival, por citar algúns.


Artigos citados na nota de prensa:

Israel Roiled After Chomsky Barred From West Bank

Israel's security measures? Don't make me laugh (columna de Gideon Levy

Shin Bet deports Spain's most famous clown upon arrival in Israel


O paiaso que aterrorizou Israel (en árabe):
Novas relacionadas


Escándalo en España pola expulsión dun pallaso por motivos de seguridade israelí (en árabe)

Hasta los ‘clowns’ son un peligro para Israel

De narices rojas contra la frontera de Israel (Mundo Solidario)

Ningún comentario:

Publicar un comentario