CHINA DESCOBRE A GAITA COA REAL BANDA E O FAMOSO MÚSICO CHINÉS XIAO PING

Unha performance entre a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e o famoso músico chinés Xiao Ping Zhao, experto en música chinesa e virtuoso do èrhú, instrumento milenario e tradicional chinés, foi o principal evento artístico de hoxe no pavillón de España na Expo de Shanghai, que reuniu un multitudinario público que se entregou á fusión que propuxo Xosé Lois Foxo, director da Real Banda, no programa de hoxe da xira da formación ourensá por China.
Infogauda / Shangai
A posta en escena de “Mo Li Hua” (Flor de jazmín) recrea a transformación da flor de jazmín en té, unha alegoría en torno a cal se reunen as familias para celebrar a festa máis popular de Shanghai. O artista Xiao Ping Zhao, ataviado co traxe tradicional de seda branca, e Real Banda levaron no tempo ao público ata a antiga China milenaria, mesturando o son da gaita e as cantareiras co máis puro estilo musical chinés.
Os espectadores, na súa maioría chineses, disparaban os flashes da súas cámaras ao tempo que cantaban a coro a melodía ancestral chinesa xunto co son das gaitas. Ao remate do espectáculo, Xiao Ping e os integrantes da Real Banda brindáronse a unha sesión fotográfica coas longas ringleiras de visitantes que diariamente se achegan ao pavillón español da Exposición Universal. No concerto de hoxe o gaiteiro da Real Banda, Marcos Foxo, presentou o seu primeiro traballo discográfico, que ven de estrear recentemente, interpretando como solista o tema “Negra sombra” xunto cunha cantiga composta por el.
Hoxe tamén a Real Banda presentou o Anuario da Gaita, que recolle un amplo traballo de investigación sobre a cultura china e a gaita, o primeiro traballo de investigación realizado no mundo sobre este tema que fixo o estudoso alemán Fritz Schneider e traducido por Xosé Lois Foxo. O estudo sinala que aló polo século XVII en moitos estados orientais que naceron baixo o dominio británico podíanse atopar gaiteiros nas bandas do exército e da policía.
Outros gravados da época (ano 1700) recollen tamén a inclusión da gaita nalgunhas tradicións e festas chinesas, algunhas das cales aínda se conservan hoxe en día.
Dentro dos actos institucionais de hoxe a Real Banda e o vicepresidente da Deputación de Ourense Moisés Blanco, que acompaña a expedición na súa viaxe en China, entrevistáronse co embaixador de España en China, nunha cita preparatoria á recepción coa que a Real Banda será agasallada cando visite a cidade de Pekín.
Nesta viaxe, a Real Banda fai tamén especial fincapé por dar a coñecer ao mundo a música galega cantada, e así hoxe interpretaron unha suite de cantares galegos, realizada polas cantareiras da Real Banda. Xosé Lois Foxo afirma que a riqueza da nosa música “fai posible que conecte perfectamente con outras culturas. Resulta moi reconfortante ver como se emociona a xente ao escoitar o son das gaitas ou ao escoitar cantar as nosas cantigas; iso acontece con moi poucos estilos musicais, e o de Galicia neste senso é un dos máis emotivos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario