11 de maio de 2010

OURENSE

CO PATROCINIO DA DEPUTACIÓN, ALUMNOS DE FP DE OURENSE FORMARANSE POR PRIMEIRA VEZ EN EMPRESAS ESTRANXEIRAS




A Deputación provincial pon en marcha co Instituto de A Farixa un proxecto pioneiro para que os estudantes realicen prácticas en empresas de Eslovaquia.
Infogauda / Ourense
O presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, e o director do Instituto de A Farixa, Miguel Reza, asinaron hoxe un convenio de colaboración pioneiro en España, que permitirá por primeira vez que alumnos de Formación Profesional poidan acollerse ao programa de Bolsas Internacionais da Deputación de Ourense para facer prácticas en empresas estranxeiras, dun xeito semellante ao que acontece cos titulados universitarios.Este proxecto piloto permitirá que 8 alumnos que veñen de rematar este ano os seus estudos de FP no Instituto de A Farixa realicen durante tres meses prácticas en empresas de Bratislava (Eslovaquia), pertencentes aos sectores de Informática e Telecomunicacións, Topografía, Electrónica e Comunicacións.O presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, afirma que este programa pioneiro de formación de técnicos complementa o proxecto que xa ven desenvolvendo a institución provincial coas bolsas internacionais para universitarios. “Trátase dunha experiencia piloto que, se obtén bos resultados, non dubidaremos en seguir fomentando para que os estudantes de FP teñan tamén a oportunidade de formarse no estranxeiro como fan os universitarios”.Para elo, a diferenza do programa de Bolsas Internacionais os alumnos de FP realizaron no propio instituto de A Farixa o curso de inmersión no Inglés que habitualmente se fai no país no que realizan a súa estancia. De acadarse resultados positivo o programa podería ampliarse no futuro a outros institutos de FP da provincia de Ourense e a outros países ademais de Eslovaquia, dependendo das demandas existentes e das dispoñibilidades presupostarias.Esta primeira iniciativa partiu do Instituto de A Farixa, o cal mantén xa acordos de colaboración con outros centros de Eslovaquia para que alumnos daquel país realicen as súas prácticas en Ourense. “Pensamos que se os alumnos eslovacos veñen á nosa provincia tamén os nosos poderían ter a oportunidade de formarse alí”, explica Miguel Reza.Pola súa banda, José Juan Cerdeira, director do servizo de Fomento do Emprego da Diputación de Ourense, dixo que este é un paso máis “na procura de dar oportunidades de promoción aos estudantes da nosa provincia, para que adquiran novas competencias técnicas e se familiaricen con outras culturas, algo que contribuirá sen dúbida a enriquecer a súa formación”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario