TINO BAZ: PATRIMONIO NATURAL DE TODOS NÓS
Aínda que moi xoven, Tino Baz posúe un amplo ronsel artístico como gaiteiro e cantor, que se complementa coa súa faceta lírica, da que se retroalimentan moitas das pezas do seu ricaz repertorio musical.
Por méritos própios, polo seu compromiso coa língua, polo seu xeneroso desprendemento, Tino Baz xá tén acadado o recoñecemento do público de moitos pobos e vilas de Galicia e mesmo de fora do noso país. Por iso, compría que A Guarda tivera a iniciativa de homenaxealo. E certamente, en boa hora a asamblea da Agrupación Cultural Guardesa, tomou o acordo de adicarlle o Día das Letras Galegas. O acerto foi total.
30 de maio de 2010
A GUARDA
Infogauda / A Guarda
Arroupado polos seus (a familia, a moza, os amigos, os veciños,...), Tino Baz tivo o pasado venres súa merecida homenaxe no seu pobo natal, co gallo do Día das Letras Galegas.
Na homenaxe a Tino Baz participaron Manuel Santos, como presentador, así como o Grupo Antorcha, dirixido por María José Baz Martínez; o Coro Cantábile, dirixido polo seu fundador, José Luís Lorenzo Rodríguez; e a pianista Laura González.
Chegado o intre de dibuxar o perfil humán e artístico de Tino Baz, interviu en primeiro lugar, Marisol Díz Amil, secretaria da Agrupación Cultural Guardesa, para a continuación presentar a Marisa Guerra Cañizo, profesora do IES A Sangriña, e persoa que coñece moi ben a Tino Baz.
"Hai poetas - dixo Marisa Guerra - que coñecen a graza da lingua, a música da palabra. Con esta materia crean. É un don.
Mais hai outros que non precisan crear, porque a través deles maniféstase a esencia mesma da creación. Son os bardos que iluminan o sentido da nosa existencia. Falan desde o corazón do mundo para chegar ao corazón da xente. Así é Tino Baz.
Os pobos que se saben fillos da nai terra, tamén saben da súa alma, tamén saben que está viva, tamén saben que ela fala. A poesía de Tino é a voz da Terra. Velaí a súa forza. O seu cantar profundo. A conexión coa esencia.
A sua canción é coma o río pai que nos alimenta, por veces tenra e manseliña, outras forte e guerreira. Sempre verdade.
O poeta da Terra sabe que ten unha misión sagrada, pór harmonía onde está a desorde da inxustiza. A través del agroma implacable a voz que denuncia, que acusa, que reclama.
A voz dos que morreron, daqueles aos que lles roubaron a palabra.
A voz que honra as almas luminosas dos que foron e son estrelas en tempos escuros.
A voz dos que antes ca nós crearon o que hoxe temos e que son agora a nosa fala, a nosa historia, a mesma Terra que nos nutre.
A voz tenra que aloumiña aos nenos que nacen, aos vellos que xogan, ao pobo que traballa.
A voz que celebra a beleza da terra, que festexa a vida, o amor, a alegría.
E sobre todo, a voz do espíritu que renace da cinza; a voz da esperanza (...)".
Rematada a intervención de Marisa Guerra, tocaría o turno a outra muller: Julia Sobrino González, presidenta da Agrupación Cultural Guardesa.
Para falar de Tino Baz, Julia Sobrino relembrou "(...) unha longa conversa na que falamos de moitas cousas: de órbitas, de lúas, de soles, de néboa, de mar e de vento. De todo isto algo quedou grabado no meu interior, algo que fixo que o meu espíritu divagara errante por unhas verbas túas: "(...) hai unha visagra máxica que cando se abre fai fluir sentimentos". Efectivamente así é. Cantas veces a través das charlas que por unha ou outra razón sostivemos deixaste ver parte do teu interior, ó corido sorprendente de teu espíritu, a delicadeza dun saber facer, algunhas veces con matices bruscos, pero que non tiñan importancia xa que evidentemente a túa alma está suxeita fortemente ao saber e ao querer ser tí mesmo costara o que costara (...)".
A intervención de Julia Sobrino rematou con unha felicitación a Tino Baz, desexándolle "(...) un longo e firme camiñar polo eido da música e pola túa vida que o mesmo tempo é loita e poesía viva".
E logo, como non podía ser doutro xeito, tocoulle o turno o própio Tino Baz, que a traverso dunha magnífica intervención en prosa poética agradeceu súa participación o Grupo Antorcha e o Coro Cantábile, así como a painista Laura González, de quen Tino Baz relembrou que o avó de Laura, o Tío Maneque, foi quen ensinou a seu pai - o relembrado Tante - á arte de navegar en gamela. Dese xeito Tino fixo súa particular lembranza a seu pai e ao avó de Laura, ensarillando unha ringleira de nomes de aparellos característicos do traballo dos gameleiros, colectivo ao que o gaiteiro da Robaleira, lle adicou unhas fermosas verbas cheas de sabencia e de amor os seus.
Tino Baz relembrou tamén o profesor José Luís Lomba Alonso (Salero), salientando a labor que ó longo da súa vida desenvolveu no ensino e noutros ámetos socio-culturais.
Ademáis da lembranza do profesor José Luís Lomba Alonso, Tino Baz tamén tivo unhas sentidas verbas de relembranza e agarimo para o tamén profesor e poeta, Xosé Carlos Gómez Alfaro, salientando que dentro de un milleiro de anos, Gómez Alfaro será o Mendiño do século XXI. E recitando uns versos - "(...) eu atendendo meu amigo (...)" - do poeta medieval da Ría de Vigo; o bardo guardés Tino Baz, continou salientando os valores do poeta Xosé Carlos Gómez Alfaro. Foi sen dúbida algunha, un decidido e público apoio, a proposta de homenaxe póstuma que varios colectivos e veciños anceian e que até o de agora, o grupo de goberno do Concello de A Guarda, non deu a máis mínima mostra de querer levar a bó termo.
Unha vez máis, Tino Baz demostrou o seu compromiso coas nobres causas, así como seu saber estar e súa faceta artística, rematando súa peza oratoria con un agradecimento a tódalas persoas que asistiron a súa homenaxe. E como compría tratándose de Tino Baz, o acto remataría coa interpretación de varias pezas musicais interpretadas por Tino Baz, coa compaña da súa zafona, e logo da súa guitarra, xunguindo súa voz coa de Carme, unha das súas irmás, e mesmo coa do respetable público que tarareou alomenos dúas cantigas - unha delas baseada n´un poema de Celso Emilio Ferreiro - e a outra adicada - sen necesidade de deci-lo, expresamente - a súa nai María do Carmen Baz Alonso.
Foi así, contado de xeito resumido, como se desenvolveu unha homenaxe que xunguiu a xente da Marina coa xente da Vila, en perfecta camaradería, como debe ser. Arredor da figura de un mozo que é orgullo de todos. Que é - se nos permiten a licenza - patrimonio natural de todos nós.
Tino Baz xa é, por dereito própio, todo un referente.
Parabens amigo por ser como eres e por ensinarnos a amar todo o universo que nos arrodea.
Publicado por
Infogauda
ás
21:34
((•)) Escucha este post
Etiquetas: HOMENAXE A TINO BAZ
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario