1 de mar. de 2010

PONTEVEDRA

A DEPUTACIÓN PRESENTA O MÉRCORES DÍA 3 DE MARZO, O PLAN E-DEPO, DE ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA PARA CONCELLOS E A PROPIA INSTITUCIÓN, QUE SAIRÁ A CONCURSO POR UN IMPORTE DE 4 MILLÓNS DE EUROS



Dará acceso ós concellos, en especial ós de menos de 14.000 habitantes, ás distintas plataformas

Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra presentará o mércores, día 3, no Pazo Provincial, o seu Plan E-Depo _ de Administración Electrónica para os concellos e para as súas propias dependencias_ que suporá unha inversión de 4 millóns de euros.
No acto, que terá lugar ás 10 da mañá no Salón de Plenos, presentaránse as liñas xerais do proxecto a representantes de 30 empresas interesadas no concurso que se convocará e que xa saiu publicado no Boletín da CE. A pretensión da Deputación é que, nun prazo de sete días naturais, as devanditas empresas poidan presentar as observacións e propostas que consideren pertinentes para que poidan ser recollidas no pliego de condicións, antes da súa publicación definitiva.
O Plan E-Depo sairá a concurso dividido en catro lotes: un, de 450.000 euros para infraestructuras para o Centro de Proceso de Datos e periféricos de soporte; outro, de 1.535.000 euros, para a Plataforma de Tramitación Electrónica; un terceiro, de 600.000 euros para desenvolver a Estratexia l*net; e o cuarto, de 1.415.000 euros para dixitalización de fontes documentais, gráficas e audiovisuais.
O plan pretende optimizar o funcionamento interno das administración locais e axilizar a comunicación co resto das administración públicas. Busca, asemesmo, un maior contacto cos cidadáns e favorecer a integración de zonas rurais e aisladas na corrente de desenvolvemento promovida polo uso das TIC.
Esta nova orientación de cara ós cidadáns que supón o Plan E-Depo, pasa pola definición de sistemas e procesos de xestión e atención integral que, á vez, estean personalizados, teñan capacidade para múltiples canais e linguas e ofrezcan respostas rápidas á poboación.
Con este Plan, a Deputación dará acceso a tódolos concellos da provincia que o desexen (en especial os menores de 14.000 habitantes) ás distintas plataformas de Administración Electrónica que figuran no concurso que mañá se presenta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario