Desde o BNG consideramos que hai responsabilidades políticas que até agora ninguén asumiu
Xan Lois Lomba Alonso, portavoz municipal do BNG
No ano 1996, o goberno do PP promove unha modificación do PXOU na que se inclúe a ordenanza 14 de Protección Paisaxística fortemente criticada naquel momento polo BNG. Ao abeiro desta ordenanza dánse unha serie de licenzas, entre as que están as 21 que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza declarou nulas de pleno dereito.
No ano 2000, o BNG vota a prol da concesión de dúas licenzas dado que tiñan os informes técnicos favorábeis e de non facelo cometería un delito de “prevaricación”.
O goberno de coalición PP-IVBM, encabezado polo anterior alcalde e Celso Fariñas, actuou con total irresponsabilidade ao non facer caso dos requirimentos da Xunta de Galiza (7-11-2001, 21-03-2002 e 14-06-02) nos que se lle advertía da nulidade das licenzas outorgadas e no que se lles indicaba que debían paralizar as obras e dar traslado deste acordo ao TSXG.
A pesar da gravidade dos feitos e dos prexuízos que a posteriori podía causar aos afectados e ao pobo da Guarda, o goberno municipal preferiu facer deixación de funcións até chegar a situación na que o TSXG declara as licenzas nulas de pleno dereito. De ter actuado no seu momento conforme á lei, os prexuízos serían infinitamente menores tal é como lle advertimos no seu momento desde o BNG ao anterior alcalde.
Estes son os feitos. Queda claro que hai responsabilidades políticas de gran magnitude que até o de agora ninguén asumiu. É coñecido tamén que houbo quen aproveitou a ocasión para sacar rendemento electoral nas últimas municipais.
Na situación actual, o BNG esíxelle ao actual alcalde que goberne, que presente unha proposta avalada con informes técnicos e, en todo caso, que saiba que os nacionalistas opoñerémonos a que sexa o Concello da Guarda e os seus habitantes os que paguen esta desfeita.
COMENTARIOS DOS LECTORES DE INFOGAUDA
Anónimo dixo:
O BNG no ano 2000 vota a favor de dúas licenzas que tiñan os informes "favorábeis" dos técnicos. Vostedes minten xa que todas as persoas sabían e saben que se construía de forma ilegal ¿Qué concelleiro é Vostede? Se votaron a favor están implicados na corrupción urbanistica da Guarda. O comentario de prevaricación é demagoxia pura e dura.
PSOE+ PP + BNG + IVBM = PUTREFACCIÓN URBANISTICA
Anónimo dixo:
Gustaríame saber que faría o anterior comentarista se negase a licenza cos informes favorábeis cando lle chegase unha denuncia por posible prevaricación á súa casa. O que me pregunto é que clase de concelleiro sería vostede? A corrupción urbanística é outra cousa.
Soamente pregunto unha cousa, que faría vostede?
Votar en contra. Os informes foron manipulados por técnicos e concelleiros para favorecer a xentes adiñeiradas que esplotaron durante toda unha vida a mariñeiros guardeses. Se non me lembro mal a "Ordenanza 14".
Ningún comentario:
Publicar un comentario