8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora
A Secretaría Muller do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, ante a celebración do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, reafirma o seu compromiso coa eliminación de todas as formas de discriminación contra as mulleres e fai balance dun ano marcado pola crise económica e os seus nefastos efectos para o emprego, cun incremento alarmante do paro —cada vez máis o feminino— e de brechas importantes de desigualdade respecto das prestacións e subsidios por desemprego.
CCOO traballa activamente na recuperación do diálogo social, ao considerarmos que a reactivación da economía ofrece espazo para cambios e reaxustamentos, pero en ningún caso pode ser un pretexto para ignorar a discriminación ou a desigualdade. Cómpre aplicar un enfoque de xénero que permita combater a desigualdade persistente con medidas orientadas a un emprego de calidade con dereitos e melloras na protección social.
Tamén continuamos impulsando a negociación de medidas e plans de igualdade no marco da negociación colectiva, respondendo con contundencia ás alarmas ante a desigualdade, xa que é preciso afianzar e reforzar os dereitos de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes alcanzados ata o de agora.
Valoramos moito os avances normativos que en materia de igualdade se produciron, pero consideremos que o obxectivo da igualdade real está aínda lonxe de alcanzarse: son as mulleres as que soportan unha maior precariedade contracontractual —temporal e a tempo parcial—, un escaso recoñecemento da formación adquirida, desigualdade salarial e maiores dificultades para compatibilizar os tempos de vida e traballo, o que incide de xeito determinante na súa permanencia e promoción laboral.
É imprescindible actuar tanto no ámbito laboral como no social, de xeito que tempos de vida e de traballo sexan compartidos, facendo compatible a vida laboral e persoal de mulleres e homes. Cremos que cómpre eliminar os atrancos para a aplicación da Lei de dependencia, e xulgamos tamén preciso reforzar as políticas de igualdade, así como unha maior participación e representación das mulleres nos distintos ámbitos de decisión públicos e privados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario