26 de feb. de 2010

TOMIÑO

O BNG pronúnciase en Tomiño a favor da fusión das caixas galegas

Na imaxe, Bieito Lobeira (Deputado no Parlamento Galego) e Cristina Martínez (Responsábel do BNG en Tomiño) durante a súa intervención no acto
BNG / Baixo Miño
O deputado do BNG Bieito Lobeira foi o encargado de analizar a situación actual das Caixas de Aforros galegas e expor as propostas do Bloque Nacionalista Galego ao respecto.


O acto foi presentado pola Responsábel Local do BNG en Tomiño, Cristina Martínez, e forma parte da campaña que o Bloque Nacionalista Galego está a realizar en todo o país para explicar a Lei de Caixas impulsada polos nacionalistas e as posibilidades dunha fusión galega.

Ao longo do acto expúxose que na situación na que se atopan as caixas galegas é inévitábel unha fusión. Calquera caixa de aforros que pretenda aceder ao FROB (Fundo de Reestructuración Ordenada Bancaria) para solventar a súa situación financeira debe contar con 50.000 millóns en activos. Dado que nengunha das caixas galegas cumpre este requisito a única vía para poder optar a estes fundos pasa por unha fusión.

“Unha vez que a fusión é inevitábel o BNG defende que se faga dentro de Galiza -explicou Bieito Lobeira- xa que é a única maneira de que o aforro das galegas e os galegos quede no país. Só hai dúas alternativas posíbeis: unha grande caixa galega co seu centro de decisións en Galiza, ou dúas filiais de caixas foráneas” -engadiu.

O deputado nacionalista defendeu a Lei de Caixas impulsada polo BNG como un instrumento indispensábel para que Galiza participe directamente na xestión das caixas garantindo así que o aforro galego se invista na economía produtiva do país. Segundo explicou, “esta lei garante que Galiza manteña un sistema financeiro propio que permitirá restaurar o fluxo de crédito a empresas e particulares, garante en definitiva que os recursos económicos galegos se poñan ao servizo de Galiza”.

Durante o debate posterior insistiuse en que a fusión das caixas galegas con caixas de fora de Galiza suporía que na práctica as dúas caixas deixarían de seren galegas. “A alternativa á fusión galega é converter ás dúas caixas actuais en filiais de Cajamadrid e Caixastur ou Ibercaja -dixo Bieito Lobeira- impedindo que sexamos os galegos e galegas os que tomemos as decisións sobre os nosos aforros”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario