19 de feb. de 2010

PRESENTACIÓN DO LIBRO “EN EL CAMINO NOS ENCONTRAREMOS”, A EXPERIENCIA DUNHA NAI CUN FILLO AUTISTA





“En el camino nos encontraremos”, este é o título do libro que hoxe se presentou na Deputación de Ourense, obra de Rocío Testa Álvarez, que aborda a problemática do autismo dende o punto de vista dunha nai que relata a súa experiencia para afrontar este trastorno de conducta que afecta ao seu fillo.

Infogauda / Ourense
A autora explicou que se trata dun libro “optimista, que fala da superación, e que tenta infundir esperanza ás familias que sofren este problema, porque aínda que estamos ante un problema crónico, as terapias e as técnicas permiten grandes avances na comunicación coa persoa autista”, dixo Rocío Testa. Preguntada polo título do seu libro, a autora dixo: “O meu fillo ía por un camiño pero eu non o seguía, ata que o atopei, e a partires de aí camiñamos os dous xuntos”.Pola súa banda, o presidente da Deputación, José Luis Baltar, cualificou de “labor encomiable” o traballo de Rocío Testa “porque aínda que é psicóloga, esta heroína preferiu enfocar a súa obra dende a perspectiva de nai, contando en primeira persoa os problemas, alegrías, sentimentos e todo ese mundo característico que rodea ao autismo, vivido intensamente neste caso porque o protagonista principal do seu libro é o seu fillo”.Baltar loubou o traballo de Rocío Testa afirmando que é unha obra “solidaria que axudará a moitas familias a comprender os problemas do autismo”, e engadiu que as administracións “deben seguir comprometéndose en levar a cabo actuacións en favor dos dependentes, porque son persoas que necesitan non só ánimo e solidariedade senón tamén apoio para desenvolver proxectos que melloren a súa calidade de vida”.Neste senso, o presidente de Autismo-Ourense, Virxilio Montes, agradeceu á Deputación de Ourense a colaboración permanente que leva dedicando a este colectivo dende fai máis de dez anos, “porque o autismo, como os demais organismos e asociacións que traballamos a prol da dependencia, necesitamos de recursos para levar adiante proxectos que axuden á xente que padece estes problemas e enfermidades. Necesitamos que se investigue máis, e particularmente necesitamos que as administracións se impliquen máis con Ourense para que esta provincia reciba as axudas que merece no ámbito da dependencia”.Pola tarde, ás 20.00 horas, terá lugar un acto no Centro Cultural da Deputación, con motivo da presentación do libro, no cal ofreceranse dúas conferencias sobre “O significado do autismo” e “Necesidades de intervención no contexto psicoeducativo”, a cargo de Mª Teresa García e Marta Dios, respectivamente, organizadas pola Asociación Autismo-Ourense.

Ningún comentario:

Publicar un comentario