16 de set. de 2009

OURENSE

A DEPUTACIÓN PRESENTA O NOVO LIBRO DO HUMORISTA GRÁFICO XOSÉ LOIS: “VEÑA CARRABOUXO”



A Deputación de Ourense presentou hoxe o novo libro do humorista gráfico Xosé Lois, titulado “Veña Carrabouxo”, unha compilación de 425 viñetas do maxistral personaxe ourensán publicadas nos xornais La Región e Atlántico Diario entre os anos 2001 e 2007.

Infogauda / Ourense


Con ilustracións e deseño dos fillos de Xosé Lois, Brais e Xoán González, a obra recolle sete anos de historia de Ourense e Galicia, principalmente, ás que se engaden temas de ámbito nacional e internacional que mereceron en palabras do autor “a crítica, o acento, ou unha chamada de atención”.Así ao longo da presentación, Xosé Lois foi desgranando con humor os capítulos do libro, mentres intercalaba chistes do Carrabouxo que obrigaban ao sorriso de xornalistas e participantes no acto. Temas coma o cambio climático, o botellón, a pílula do día seguinte, as vacas tolas, os incendios, o tabaco ou o baixo índice de nacementos en Galicia foron obxecto da graciosa retranca do Carrabouxo en boca do seu creador.O presidente da Deputación dixo na presentación que o Carrabouxo “vive con nós desde 1982, é un personaxe co que almorzamos cada día, e que tras 26 anos na rúa segue tan actual coma sempre. Xosé Lois conseguiu algo que so está reservado aos grandes creadores coma é o feito de que reler as súas viñetas da sensación de que sempre é a primeira vez, e iso non é doado de lograr”.Desta edición de “Veña Carrabouxo!” editaranse un total de 4.000 exemplares, que se destinarán para a venda, así como para bibliotecas, centros galegos, centros de ensino e regalos protocolarios da Deputación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario