21 de ago. de 2009

ESTÁS (TOMIÑO)

O ARTISTA MANOLO GARCÍA DE BUCIÑOS VÁZQUEZ EXPORÁ SÚAS ESCULTURAS NA SEMANA CULTURAL DA PEREGRINA






Infogauda / Estás


O Centro Cultural e Social de Estás (Tomiño), orgaiza novamente a Semana Cultural da Peregrina. Nesta edición o eixo da devandita semana, que será inaugurada o vindeiro domingo día 23 de agosto, ás 12:00 h., constituiráo unha exposición de esculturas do escultor lugués, residente en Ourense e veraneante habitual na vila de A Guarda, Manuel García de Buciños Vázquez.
A exposición de esculturas de Buciños, poderá visitarse do 23 ó 30 de agosto, de mañá de 11:30 á 14;00 h., e de 18:00 a 22:00 h..
MANUEL GARCÍA DE BUCIÑOS VÁZQUEZ
A súa arte e estilo foise destacando do resto de artistas da súa época ata crear un estilo persoal que chegou a crear escola en Galicia e un gran prestixio no estranxeiro. A súa escultura chegou ás principais salas de arte internacionais, coleccións privadas e museos de todo o mundo. En 1993 a Real Academia Galega de Belas Artes "Nosa Señora do Rosario" nomea a Buciños como académico numerario na Sección de Cultura. A maior parte da súa obra realizouna en Ourense reuníndose con novos artistas chamados "Os artistiñas" pola súa extrema mocidade. Neste grupo había artistas da talla de Xaime Quesada, Xosé Luís de Dios, Acisclo Manzano, Xavier Pousa e outros.
Manuel García de Buciños Vázquez, é vogal do Padroado da Fundación Xoán Piñeiro e da Fundación Xavier Pousa.
Buciños goza dunha gran intuición, de sensibilidade exquisita e de gran tenrura. Inicialmente traballaba a madeira con gran delicadeza e simplicidade, nas que as vetas da madeira asemellábanse a roupaxes e priegues. O bronce foise apoderando da súa obra aos poucos utilizando as oquedades como parte da obra e da escultura en se mesma.
A figura humana recibe unha especial atención do artista, especialmente o corpo feminino, que utiliza para representar os seus sentimentos sobre a maternidade. O candor e a voluptuosidade proxéctanse na materia prima escultórica a traverso de liñas redondeadas, estilizadas e volumes lixeiros que tratan de salientar os conceptos de levedade e lixeireza. Enlaza a temática da maternidade co mundo infantil, un reino ocupado por alegres infantes con certas tinguiduras de inxenuidade. O abrazo é outro tema recorrente na súa obra: mulleres entrelazadas con homes, nais e fillos; a representación do amor humán grazas a materiais como a cálida madeira e ata o bronce. A extrema delicadeza e sensibilidade deste escultor non pasa desapercibida. Déixase seducir por este cálido e sensual reino da liña curva. As curvas pronunciadas, os volumes a un tempo rotundos e suaves, a airosidad das súas criaturas, dan á escultura de Buciños unha moi definida persoalidade.
Os seus monumentos, a personaxes históricos ou con afán puramente ornamental, abundan nas cidades galegas. Habitualmente traballa formatos pequenos, aínda que a monumentalidade está no seu concepto de gran creador de formas corpóreas. A escultura de Buciños parece conter vida.
A súa vitalidade expándese a cachón, e aínda que ás veces sexa testemuñal dunha ruralidad dura de Galicia, a ledicia comunicativa remata por imporse en cada unha das súas pezas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario