18 de ago. de 2009

ECONOMÍA

O Igape amplía o orzamento destinado ao plan re-Móvete ata os 10 millóns de euros


O Instituto dependente da Consellería de Economía e Industria segue a dinamizar e estimular a compra de vehículos en Galicia, que se atopa nos postos de cabeza do Estado en canto a número de matriculacións



Infogauda / Santiago de Compostela
O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, firmou hoxe mesmo a orde pola que inxecta 2.000.000 de euros máis ao orzamento destinado ao Plan re-Móvete para dinamizar a venda de vehículos en Galicia. Estes dous millóns de euros súmanse aos 8.000.000 de euros que xa estaban en vigor.
Deste xeito, o Igape e a Consellería de Economía e Industria seguen a apoiar e estimular as compras de vehículos na Comunidade Autónoma, tal e como se fixo ata o de agora. As axudas impulsadas polo Goberno autonómico teñen situado a Galicia, durante os dous últimos meses, nos postos de cabeza do Estado en canto a número de matriculacións e dan resposta ás numerosas peticións de axuda que chegan dos concesionarios adheridos a este plan pensado por e para Galicia. Con este novo impulso ao sector o Goberno da Xunta, a través da Consellería de Economía e Industria e do Igape, manteñen o seu compromiso para continuar dinamizando un dos sectores estratéxicos da economía de Galicia.
O Plan re-Móvete, pensado por e para Galicia, naceu consensuado con todo o sector da automoción tras celebrar diversas reunións co director da factoría PSA Peugeot-Citröen, cos concesionarios e co clúster do automóbil.
As axudas recollidas no Plan re-Móvete superan en ata un 300% ás do Plan 2000E presentado polo Goberno Central, co que ademais é compatible. No caso dos vehículos comerciais, as axudas ascenden ata 1.500 euros para os sectores prioritarios, e son superiores ás aboadas por calquera país da Unión Europea así como polo resto das comunidades autónomas españolas.
Para os vehículos de turismo, as axudas para un vehículo medio dun valor de 15.000 euros aumentan un 40% con respecto ao plan do Goberno central, xa que aqueles vehículos cun prezo de entre 10.000 e 30.000 euros reciben unha axuda directa de 700 euros, mentres que os de valor inferior a 10.000 teñen unha subvención de 500 euros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario