13 de ago. de 2009

CAMPOSANCOS

O SÁBADO DÍA 15 DE AGOSTO, ÁS 22:00 H., NO CASINO DE CAMPOSANCOS, PRESENTACIÓN DO LIBRO SOCIEDAD "LOS AMIGOS" 1909-2009


Infogauda / Camposancos


O sábado día 15 deste mes, ás 22:00 h., no Casino de Camposancos, terá lugar á presentación do libro Sociedad "Los Amigos" 1909 - 2009, da autoría do Doutor en Historia, Joaquín Miguel Villa Álvarez.
O acto de presentación do libro porá broche de ouro os actos conmemorativos do I Centenario do Casino, que escomenzaron, con toda a solemnidade o sábado día 1 de marzo de 2008 e que tiveron continuidade en sucesivas semanas, ofrecendo un variado programa de actividades.
Coa presentación do libro de Joaquín Miguel Villa Álvarez, sobre a Sociedad "Los Amigos", Camposancos recebe unha formidable achega cultural que contribuirá a que todos coñezamos un pouco máis a nosa historia como pobo.
A fundación da Sociedad "Los Amigos" está vencellada a nomes tan senlleiros como José Armell, Félix Galdó Collado, Laureano Galdó Rodríguez, Llorens,..., que procedentes de Denia (Alacante), chegaron até A Guarda, a finais do século XIX, cando a firma París Hermanos - propiedade dos irmáns Bautista e Vicente París Morlá - posuían en Camposancos, unha das empresas máis representativas daquela, adicada o sector transformador da madeira. Tanto os París Hermanos como os Candeira, crearon riqueza nesta contorna, xa que nas súas fábricas traballaban operarios/as de Camposancos, Salcidos, O Rosal,..., que producían tablillas para as caixas onde se envasaban froitas e productos da horta levantina.
A aportación de Joaquín Miguel Villa Álvarez, permitirános, unha vez máis, profundizar na nosa intrahistoria como pobo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario