14 de xul. de 2009

Filminho: unha ponte de cinema entre Galicia e Portugal

Morraceira Asociación Cultural / Vilanova de Cerveira / Goián


Do 15 ao 19 de xullo vai acontecer en Vila Nova de Cerveira e en Goián (Tomiño) a segunda edición do Filminho, festa do cinema galego e portugués. Un acontecemento cinematográfico organizado pola Asociación Morraceira que redimensiona as actividades transfronteirizas realizadas ata o día de hoxe.

Tal como están as cousas os festivais de cinema van a ser as únicas reservas para ver cinema en comunidade. O mundo do audiovisual está cambiando frenéticamente e as “proxeccións-experiencia” son os únicos baluartes que poden ficar do visionado tradicional de filmes. Mas que ten de especial este festival? ”O Filminho ten alma. Emprega o cinema como ligazón de coñecemento de dúas comunidades que teñen unha cultura extremadamente semellante. O Filminho é ó único festival de cinema do mundo que é internacional porque acontece ao mesmo tempo en dous países distintos”, subliña Xurxo González, un dos organizadores do evento.

Esta segunda edición do Filminho acontece grazas ao apoio decidido dos concellos de Cerveira e Tomiño e co apoio da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia. “Coa indecisión do presente goberno en materia audiovisual e coa crise que afecta aos patrocinios privados a organización deste tipo de eventos sufren moitísimo. Mas agardamos que en vindeiros anos o Filminho e eventos semellantes en Galicia conten cun apoio máis decidido”, sinala González.

Mas a pesares destas limitacións orzamentarias o Filminho segue coa súas teimas. A parte dunha programacion extremadamente coidada o Filminho compleméntase con retrospectivas e con recuperacións “arqueolóxicas” de filmes sobre o Miño. E, sobre todo, o festival actúa como trampolín para novos talentos con miradas con personalidade. Así, na primeira edición congregáronse nomes como Oliver Laxe, Ángel Santos, Lara Bacelo, Peque Varela ou Susana Rey, directores xurdidos polo decidido apoio desde a Axencia Audiovisual Galega.

Quen se achegue este ano ao Filminho vai contar coa posibilidade de ver filmes de grande calidade e outros resultantes dun traballoso proceso de rescate. A presenza máis destacable é Aquele Querido Mês de Agosto, de Miguel Gomes, producion aclamada pola crítica considerándoo o filme-revelación do pasado ano en Europa, que estivo no Festival de Cannes e que gañou o BAFICI e o Festival de Las Palmas. Tamén poderase ver o filme Ruinas de Manuel Mozos que gañou no IndieLisboa e do FID de Marsella. Por parte galega está a presenza fora de concurso de Tanyarazdwa de Alberte Pagán, un fresco monumental en dúas pantallas sobre unha muller que personaliza o continente africano. Tamén reactualizase A memoria perdida, de Marcelo Shapces, un filme galego-arxentino rodado no Baixo Miño. Mas o peso forte seguen sendo as curtametraxes dos que sairán nomes que encherán de esperanza o futuro: Corrente, de Rodrigo Areias, Verderojo, de Daniel Fernández, Na distancia, de Victor Hugo Seoane ou A viaxe, de José González.

A competición oficial engádese a retrospectiva de Edgar Pera, un cineasta de vangarda e cinematográfica con obra que recorre con frecuencia os máis importantes festivais europeos. Farase unha homenaxe ao músico portugués Lopes-Graça coa presentación dun documental realizado polo cineasta Antonio-Pedro Vasconcelos. Tamén se recuperou dos fondos da Cinemateca Portuguesa o filme Entremez Famoso sobre a Pesca no Río Minho (1974), de Luis Galvão Teles, baseado na obra do galego Gabriel Feixó de Araúxo. Tamén haberá un Fórum de Creadores para apoiar a produción de novos creadores no Miño, proxeccións sorpresas, traballos de escolas e concertos de música para pechar a festa.

Todo está preparado para que nas ribeiras máis achegadas do río Miño combinarán cinéfilos de Portugal e Galiza para disfrutar dos filmes que lle son de seu. O Filminho, a pesares da súa corta andaina, preséntase coma un dos puntais máis prestixiosos de promoción do audiovisual galego. Augas ideais nas que o cinema galego pode reflectirse e ter consciencia da súa natureza fora da nada acompañado por un cinema portugués que acapara recoñecemento mundial pola súa creatividade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario