21 de xul. de 2009

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior informa dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel amarelo por choivas en Galicia


Infogauda / Galicia


* As precipitacións poderán acumular 60 milímetros en 12 horas, especialmente nas provincias da Coruña e Pontevedra


* Igualmente, MeteoGalicia anuncia un episodio de meteoroloxía adversa no mar, que dará lugar a ventos de forza 7 no litoral da Coruña e nas Rías Baixas


Santiago, 21 de xullo de 2009.- A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza informa dun fenómeno meteorolóxico adverso de nivel de alerta amarelo por choiva en toda a comunidade galega. Segundo as previsións realizadas pola Axencia Estatal de Meteoroloxía, as precipitacións poderán acumular, a partir de mañá mércores, 60 milímetros en 12 horas, especialmente no oeste e suroeste da provincia da Coruña e en toda a provincia de Pontevedra. En Ourense e Lugo, rexistraranse valores en torno aos 40 milímetros en 12 horas.
Se ben é certo que a alerta amarela se corresponde cun nivel de risco baixo, que non afectará a tódalas actividades por igual, cómpre que se adopten as medidas de protección oportunas debido ao carácter excepcional do fenómeno nesta época do ano. Por outra banda, MeteoGalicia anunciou un episodio de meteoroloxía adversa de nivel amarelo por vento en mar, que comezará a afectar ao litoral da Coruña hoxe mesmo e que se podería estender ás Rías Baixas durante as últimas horas de mañá mércores. Os ventos serán de compoñente sur e suroeste e acadarán unha intensidade de forza 7.
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, enviou información detallada sobre o episodio de meteoroloxía adversa por choiva a todos os concellos de Galicia, aos organismos das administracións provinciais, autonómicas e estatais, aos servizos provinciais de emerxencias da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, aos parques de bombeiros, aos axentes da Policía Local de todos os concellos da Comunidade autónoma e ás empresas que pola súa actividade se poidan ver afectadas.
No que respecta ao fenómeno meteorolóxico de vento no mar anunciado por MeteoGalicia, foron informados os concellos dos litorais da Coruña e Pontevedra, os clubs náuticos das mesmas provincias e os organismos da administración autonómica competentes na materia. Desta maneira agárdase que se adopten as precaucións oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior quere lembrarlle á poboación a importancia de seguir as medidas de autoproteción e consultar a información actualizada sobre o estado das estradas antes de realizar calquera desprazamento. Tamén recomenda visitar a páxina web do
Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia, que conta con información meteorolóxica e enlaces de interese.

Ningún comentario:

Publicar un comentario