O pleno da Guarda aproba unha moción do BNG en contra da suba do IBI
“O a suba do IBI vai supoñer un incremento entre o 4 e o 10%”
Concelleiros do Grupo Municipal do BNG no concello de A Guarda
Infogauda / A Guarda
O Bloque Nacionalista Galego presentou no pleno celebrado o pasado 27 de xaneiro unha moción en contra da suba do imposto de bens inmóbeis (IBI) decidida polo Goberno do estado. A moción foi aprobada cos votos en contra do Partido Popular.
O Goberno central do PP vén de aprobar un Real decreto, RDL 20/2011, de medidas urxentes en materia orzamentaria, que inclúe o incremento do Imposto de Bens Inmóbeis de Natureza Urbana (IBI), que lle vai supoñer a moitos concellos un incremento deste imposto entre o 4 e o 10 %.
A medida adoptada polo goberno do PP no Estado, vén botar por terra as previsións que adoptaron os concellos antes do 1 de xaneiro, en canto á actualización de taxas e impostos, que se fixeron tendo en conta a situación económica municipal e dos seus habitantes, que agora veñen a sufrir este ano e o próximo unha nova e forte suba de impostos, acumulándose o incremento aprobado polo Goberno Central aos incrementos aprobados por moitos concellos.
"Resulta escandaloso que durante meses e en plena campaña electoral o PP prometera que non ía subir os impostos, agora, unha vez no Goberno central fai o contrario do que di co silencio cómplice do Goberno galego. Iso si, poñer en cintura a gran banca e as grandes fortunas e perseguir a graude fiscal non está na axenda do PP" comentou o portavoz municipal do BNG, Xan Lois Lomba.
Para o BNG esta medida é un ataque frontal á autonomía local, por ser os concellos os que teñen a posibilidade de fixar o IBI, véndose abocados a un incremento que vai repercutir gravemente na economía das familias e constituíndo unha medida do PP que despreza a competencia municipal.
Diante desta grave medida que obriga a un incremento de impostos que vai prexudicar ao conxunto da cidadanía, correspóndelle ao Goberno galego actuar para preservar a autonomía dos concellos galegos, e non a optar polo silencio cómplice diante da inxusta imposición do Goberno Central.
O BNG solicita a retirada do incremento do IBI e insta ao Goberno do Estado a proceder a unha reforma urxente do finanzamento local impulsando un Plan de Finanzamento Local, así como medidas para a mellora efectiva da loita contra a fraude fiscal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario