2 de nov. de 2026

TOMIÑO

Tomiño estreita a colaboración co tecido empresarial para continuar avanzando no desenvolvemento do Parque Agroindustrial Transfronteirizo 

•   O Concello está a manter encontros con empresas e profesionais autónomos no marco do proxecto europeo Eurocidade Intelixente, co obxectivo de coñecer as súas necesidades, reforzar a comunicación e abrir novas vías de colaboración. 


O Concello de Tomiño está a manter unha serie de encontros con empresas e profesionais autónomos para coñecer de primeira man a súa actividade, as súas necesidades e as oportunidades de colaboración que poidan xurdir
Foto: CdeT

Infogauda/Tomiño 

 O Concello de Tomiño continúa dando pasos no desenvolvemento do Parque Agroindustrial Transfronteirizo, unha das súas grandes apostas estratéxicas para o futuro económico do municipio, cunha nova liña de traballo centrada no contacto directo co tecido empresarial. A través do proxecto Eurocidade Intelixente, impulsado con fondos europeos en colaboración con Vila Nova de Cerveira e a Universidade de Vigo, o Concello está a manter unha serie de encontros con empresas e profesionais autónomos para coñecer de primeira man a súa actividade, as súas necesidades e as oportunidades de colaboración que poidan xurdir. 

 Estes encontros buscan reforzar a colaboración entre o Concello e o tecido produtivo, cun contacto máis próximo e continuado que permita coñecer as necesidades e propostas das empresas e achegarlles os recursos e proxectos municipais de apoio á actividade económica e á innovación. 

 As reunións enmárcanse no proxecto Eurocidade Intelixente, que conta cun investimento global superior aos 520.000 euros, dos que arredor de 391.000 proceden de fondos europeos FEDER a través do programa INTERREG VIA POCTEP. O proxecto impulsará a especialización intelixente dos sectores agrícola e industrial e a definición de estratexias compartidas de desenvolvemento económico entre Tomiño e Vila Nova de Cerveira. 

 A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, reafirma a aposta do Concello polo Parque Agroindustrial Transfronteirizo como un dos grandes proxectos estratéxicos para o futuro do municipio. «Levamos moitos anos traballando con determinación neste proxecto porque temos claro que Tomiño precisa oportunidades para que as súas empresas poidan medrar, para atraer novos investimentos e para crear emprego que permita á xente desenvolver aquí o seu futuro. Temos un tecido produtivo con capacidade, experiencia e moito potencial, e desde o Concello estamos a impulsar os medios e a buscar os apoios necesarios para acompañar ese crecemento», sinala. 

 Neste sentido, Sandra González subliña que a colaboración empresarial é unha parte fundamental desa aposta: «O Parque Agroindustrial debe construírse tamén da man das empresas, contando co seu coñecemento e coa súa iniciativa. Por iso queremos manter un diálogo directo con elas, coñecer os obstáculos que atopan e identificar oportunidades nas que poidamos avanzar xuntos. A cooperación con Cerveira e a captación de fondos europeos permítennos dar novos pasos nunha aposta firme e de longo percorrido para fortalecer a economía de Tomiño». 

 O Concello quere dar continuidade a esta dinámica de encontros e anima a todas as empresas e profesionais autónomos de Tomiño que aínda non participasen a poñerse en contacto para establecer unha reunión. As persoas interesadas poden escribir ao correo electrónico xoan.gomez@tomino.gal ou chamar ao teléfono 608 271 694, a través dos que se coordinarán os encontros. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario