A exposición HeART of Gaza e os Palestine Cinema Days chegan ao Espazo Isaura Gómez de Tomiño con cinema e debuxos de nenas e nenos de Gaza
Infogauda/Tomiño
O Concello de Tomiño acollerá dende hoxe, 2 de novembro, e ata o 20 deste mes a exposición itinerante HeART of Gaza, unha mostra internacional que reúne preto de medio cento de debuxos realizados por nenas e nenos de entre 3 e 17 anos que viven na Franxa de Gaza, creados durante os últimos anos do xenocidio. A exposición poderá visitarse no Espazo Isaura Gómez, con entrada libre, no seu horario habitual. Dende o colectivo Baixo Miño con Palestina convidamos a veciñanza a achegarse á mostra e a coñecer, a través da mirada das crianzas, unha realidade que apela á conciencia colectiva e á solidariedade internacional.
HeART of Gaza naceu en xuño de 2024 por iniciativa de Mohammed Timraz e Féile Butler, co obxectivo de ofrecer unha plataforma de expresión artística aos menores que viven unha das realidades máis duras do mundo actual. A iniciativa impulsa obradoiros artísticos nos que as nenas e os nenos gazatís poden expresar emocións, medos e esperanzas, á vez que comparten espazos de convivencia e xogo. Deste proxecto xurdiu en Deir al Balah a chamada Artists’ Tent, un espazo creativo seguro onde se desenvolven actividades artísticas lideradas por mulleres e abertas á diversidade, coa participación tamén de persoas da comunidade xorda. O resultado son obras directas, conmovedoras e cargadas de simbolismo, que transmiten sen filtros a realidade e os sentimentos das crianzas que participan.
Primeira actividade da semana: proxección de Con Hasan en Gaza
Durante a primeira semana da exposición, este mércores 4 de novembro ás 19:00 h o Espazo Isaura Gómez acollerá a proxección do documental Con Hasan en Gaza (Ma’ Hasan Fi Ghazza), en versión orixinal subtitulada en español (VOSE), dentro da iniciativa Palestine Cinema Days. Este é un festival de cine palestino organizado por Filmlab Palestine, con sede en Ramallah, que se celebra anualmente desde 2014 conmemorando o aniversario da fatídica Declaración Balfour. Naceu coa convicción de que o cine e a cultura son ferramentas esenciais para construír unha sociedade mellor, e converteuse nun dos piares da escena cinematográfica palestina. Ante as dificultades para celebralo en Palestina, o festival ampliou o seu alcance coa iniciativa Around the World, que leva o cine palestino a pantallas de todo o mundo de forma simultánea, como xesto de solidariedade e de resposta á censura e ao silenciamento das voces palestinas. Na edición de 2025 reuniu máis de 500 proxeccións en cerca de 700 espazos de 94 países. Tras a participación de Baixo Miño con Palestina na edición pasada co documental A State of Passion, continuamos colaborando con esta iniciativa internacional.
Sinopse: Fai pouco reapareceron tres cintas MiniDV con imaxes da vida en Gaza gravadas en 2001. O que comezou como a procura dun antigo compañeiro de cárcere de 1989 converteuse nunha viaxe inesperada de norte a sur da Franxa xunto a Hasan, un guía local cuxo destino segue sendo descoñecido. A cámara percorre rúas e paisaxes e rexistra instantes fuxidíos da vida cotiá, fragmentos dunha realidade alterada de maneira irreversible. O filme transforma este material esquecido nunha reflexión cinematográfica sobre a memoria, a perda e o paso do tempo, e retrata unha Gaza do pasado e unhas vidas que quizais nunca poidan volver ser atopadas. Unha homenaxe a Gaza e á súa xente, a todo o que foi borrado e que volveu a nós neste momento urxente da existencia, ou inexistencia, palestina. Un filme sobre a catástrofe e sobre a poesía que resiste.
Datos da actividade
Exposición: HeART of Gaza, do 2 ao 20 de novembro
Lugar: Espazo Isaura Gómez, Tomiño
Horario: o habitual do espazo, con entrada libre
Proxección: Con Hasan en Gaza (VOSE), mércores 4 de novembro, 19:00 h
Dende o río ata o mar, Palestina vencerá!


Ningún comentario:
Publicar un comentario