A voz da infancia e mocidade rosaleira resoa no Parlamento galego con Fogaric@s
• O grupo de participación infantil e xuvenil do Rosal participou no XIV Foro Infantil de UNICEF, dedicado nesta edición á defensa dos dereitos da infancia
Infogauda/O Rosal
A infancia ten voz propia, dereitos que deben ser respectados e moito que dicir sobre as decisións que afectan ao seu presente e ao seu futuro. O grupo de participación infantil e xuvenil do Rosal, Fogaric@s, levou as súas reivindicacións ata o Parlamento de Galicia, onde participou no XIV Foro Infantil de UNICEF, un encontro que nesta edición puxo o foco na defensa dos dereitos da infancia e na importancia de garantir o seu cumprimento.
A rapazada rosaleira compartiu esta experiencia con representantes doutros grupos de participación infantil e adolescente de Galicia, nun espazo de encontro e reflexión no que os nenos, nenas e adolescentes foron os protagonistas. A xornada permitiu poñer en común preocupacións, intercambiar experiencias e reivindicar o papel activo que deben ter as novas xeracións na sociedade.
Un dos momentos máis destacados do foro chegou da man de Suevia, integrante de Fogaric@s, que foi a encargada de realizar a intervención de peche do encontro. Na súa intervención, a moza rosaleira fixo fincapé en que os dereitos da infancia son inviolables e que as institucións públicas teñen a obriga de velar polo seu respecto e cumprimento, lembrando que non abonda con recoñecelos sobre o papel, senón que é necesario garantir que se cumpran na vida cotiá de todos os nenos e nenas.
Suevia reivindicou tamén o dereito da infancia e da adolescencia a expresar as súas opinións, a participar e a ser escoitadas, especialmente cando se trata de cuestións que lles afectan directamente. Unha mensaxe que resume o espírito do traballo que desenvolve Fogaric@s ao longo de todo o ano: demostrar que a participación infantil non debe ser un acto simbólico, senón unha oportunidade real para contribuír á toma de decisións.
A delegación rosaleira estivo acompañada pola concelleira de Benestar social e Igualdade, Beatriz Rodríguez, que compartiu coa rapazada esta experiencia de participación nunha institución como o Parlamento galego. A concelleira puxo en valor a implicación das e dos integrantes de Fogaric@s e a importancia de que conten con espazos nos que trasladar as súas reivindicacións. “É fundamental que os nenos, nenas e adolescentes saiban que a súa opinión importa e que teñen dereito a participar nas decisións que afectan á súa vida. Escoitalos é respectar un dereito que debemos garantir desde as institucións”, salientou.
A participación neste foro dá continuidade ao traballo que Fogaric@s desenvolve no Rosal ao longo de todo o ano, reflexionando sobre os dereitos da infancia, identificando necesidades do municipio e elaborando propostas para mellorar a vida da veciñanza. Un labor que esta mesma semana tamén compartiron con máis de 100 alumnos e alumnas rosaleiros durante o pleno infantil celebrado no Auditorio Municipal con motivo do Día Mundial da Infancia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario