O Rosal pon o broche floral aos Obradoiros de Outono con coroas de hortensias
• O Concello abre a inscrición para a última actividade do ciclo de talleres o vindeiro sábado 28 de novembro ás 11 h da man de La Casa Verde Hogar
• Abertas a todos os públicos, nas actividades terán prioridade as persoas menores de 30 anos
Infogauda/O Rosal
O Concello do Rosal pon o broche de ouro aos Obradoiros de Outono cun taller de coroas de hortensias para que as e os participantes descubran as posibilidades decorativas desta flores da man de La Casa Verde Hogar. A actividade celebrarase o sábado 28 de novembro ás 11.00 horas na Casa de Oficios da Mata, situada a carón do CPI Manuel Suárez Marquier.
Durante dúas horas e media, as persoas participantes achegaranse a unha nova forma de aproveitar a beleza destas flores, tan presentes na paisaxe galega, para crear elementos decorativos personalizados. Unha oportunidade para aprender, experimentar con materiais naturais e gozar dun tempo de lecer arredor do traballo artesanal.
A actividade está aberta a todos os públicos, aínda que terán prioridade as persoas menores de 30 anos. Cun prezo de 16 euros por participante, o obradoiro contará con só 10 prazas, polo que as persoas interesadas poden xa formalizar a súa inscrición a través do formulario habilitado polo Concello, accesible tamén mediante o código QR do cartel da actividade.
Con esta última cita, o Concello do Rosal pecha unha nova edición dos Obradoiros do Outono, unha programación que aposta por ofrecer alternativas de lecer e aprendizaxe, achegando á veciñanza diferentes técnicas e coñecementos nun ambiente próximo e participativo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario