19 de nov. de 2026

O PORRIÑO

O PSdeG-PSOE de O Porriño leva aos orzamentos da Xunta máis de dez millóns de euros en propostas para O Porriño 

• Os socialistas reclaman 4 millóns para a estación intermodal, 6 millóns para unha residencia pública de maiores e 300.000 euros para o centro residencial de ACEESCA. 


Infografía da futura Estación Intermodal de Transportes de O Porriño
Fonte: GMS

Infogauda/O Porriño

 O PSdeG-PSOE incorporou aos orzamentos da Xunta de Galicia para 2027 varias propostas de investimento destinadas directamente a O Porriño, con actuacións en materia de transporte público, atención ás persoas maiores e apoio á discapacidade. 

 Entre as iniciativas presentadas destaca unha partida de 4 millóns de euros para a futura Estación Intermodal de Transportes de O Porriño, unha infraestrutura necesaria para mellorar a mobilidade, ordenar os servizos de transporte público e ofrecer unhas instalacións dignas ás persoas usuarias. 

 Os socialistas tamén propoñen destinar 6 millóns de euros á construción dunha residencia pública de maiores no municipio, unha actuación fundamental para reforzar os recursos asistenciais e dar resposta ás necesidades dunha poboación que precisa máis servizos de proximidade. 

 A terceira proposta específica é unha partida de 300.000 euros para o financiamento do centro residencial de persoas con discapacidade de ACEESCA, co obxectivo de contribuír a garantir a continuidade e o desenvolvemento dun recurso social imprescindible para O Porriño e a súa contorna. 

 O portavoz do PSdeG-PSOE de O Porriño, David Alonso Bargiela, sinala que estas propostas responden a necesidades reais do municipio: «Non estamos falando de anuncios nin de promesas sen respaldo económico. Estamos falando de partidas concretas, con cantidades identificadas, para tres cuestións fundamentais: mobilidade, atención ás persoas maiores e apoio ás persoas con discapacidade». 

 Alonso Bargiela considera que «O Porriño necesita unha Xunta que se implique no seu futuro e que deixe de mirar para outro lado ante demandas que levan demasiado tempo enriba da mesa. A estación intermodal, unha residencia pública de maiores e o financiamento de ACEESCA son prioridades que merecen unha resposta orzamentaria». 

 O portavoz socialista engade que «imos seguir defendendo que os investimentos autonómicos cheguen ao noso municipio. O Porriño contribúe ao desenvolvemento económico de Galicia e merece contar con infraestruturas e servizos públicos á altura das necesidades da súa veciñanza». 

 O PSdeG lembra que estas cantidades forman parte de emendas presentadas polo Grupo Parlamentario Socialista ao proxecto de orzamentos da Xunta para 2027 e reclama o seu apoio durante a tramitación parlamentaria. 

 O obxectivo é que as necesidades de O Porriño se convertan en compromisos orzamentarios reais e non volvan quedar esquecidas nos anuncios institucionais

Ningún comentario:

Publicar un comentario