ADETO pon en marcha «As cores do outono» para dinamizar o comercio local de Tomiño
• A campaña comezou o 15 de outubro e anima a clientela a descubrir diferentes establecementos a través dunha dinámica de adhesivos, un sorteo de premios e un reto fotográfico.
Gonzalo Lomba/Tomiño
A Asociación de Autónomos de Comercio, Hostalería e Industria de Tomiño (ADETO) puxo en marcha este xoves 15 de outubro a campaña «As cores do outono no comercio local», unha iniciativa destinada a incentivar as compras nos negocios de proximidade e fomentar que a clientela percorra as rúas comerciais do municipio.
A dinámica é sinxela: por cada compra realizada nun establecemento participante, sen importe mínimo, a clientela recibirá un adhesivo da cor asignada a ese comercio. Ao reunir tres adhesivos de cores distintas e pegalos na tarxeta da campaña, poderá participar no sorteo de tres vales de compra de 25 euros tras entregar o seu cartón en calquera establecemendo participante.
Como complemento, ADETO promove o reto fotográfico «As cores do outono en Tomiño», que convida a compartir imaxes nas que estean presentes escaparates, produtos, decoracións e outros detalles que amosen a riqueza do comercio local. As fotografías poderán publicarse nas redes sociais mencionando ADETO ou enviarse directamente por mensaxe privada. Entre as persoas participantes sortearase un vale de compra de 25 euros.
A campaña desenvolverase ata o 30 de outubro, data na que se realizarán ambos os sorteos.
Con esta iniciativa,cofinanciada pola Xunta de Galicia e co apoio do Concello de Tomiño, ADETO busca reforzar a visibilidade dos negocios locais, favorecer a circulación da clientela entre diferentes establecementos e lembrar que mercar en Tomiño é tamén descubrir, apoiar e dar vida ao comercio de proximidade.
.jpg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario