O mellor cine galego percorrerá as parroquias de Mondariz co Ciclo Mestre Mateo 2026
Infogauda/Mondariz
O Concello de Mondariz acolle unha nova edición do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa promovida pola Academia Galega do Audiovisual co apoio da Deputación de Pontevedra e a colaboración dos municipios participantes, que busca achegar o mellor cinema galego á cidadanía e facilitar o acceso á cultura en todo o territorio.
O circuito desenvólvese tamén nos concellos de Campo Lameiro, A Estrada e Oia, co obxectivo de descentralizar a oferta cultural e dar visibilidade ás producións máis destacadas do audiovisual galego.
En Mondariz, a programación arrancou o pasado venres, 9 de outubro na Casa Cultural de Mouriscados, coa proxección de As liñas descontinuas, un filme dirixido por Anxos Fazáns que afonda nas relacións humanas, na identidade e nos encontros inesperados.
A sesión inaugural marcou o comezo dunha programación itinerante que se estenderá durante as vindeiras semanas polas parroquias do municipio. Para iso, os centros sociais e as casas culturais converteranse en espazos de exhibición cinematográfica e encontro veciñal, achegando as películas ao lugar de residencia da cidadanía.
A través desta iniciativa, o Concello busca que a veciñanza de todas as idades poida gozar de títulos recoñecidos da cinematografía galega sen necesidade de desprazarse a outras localidades. As proxeccións permitirán descubrir obras que acadaron importantes recoñecementos e candidaturas nos Premios Mestre Mateo.
Coa organización deste circuíto, o Concello de Mondariz reforza a súa liña de traballo a prol da dinamización cultural no medio rural, poñendo en valor o talento dos nosos profesionais —directores, guionistas, intérpretes e equipos técnicos— e promovendo o uso e a visibilidade da lingua galega no ámbito audiovisual.
O Concello de Mondariz anima a toda a veciñanza a participar nesta proposta cultural e a aproveitar a oportunidade de descubrir, nas propias parroquias, algunhas das producións máis destacadas do noso audiovisual.

Ningún comentario:
Publicar un comentario