A Casa das Mulleres Rurais de Tomiño recupera a súa actividade coincidindo co 15 de outubro
• A asociación, con máis de tres décadas de historia, regresa ao seu espazo habitual de encontro, formación e convivencia no Día Internacional das Mulleres Rurais
Infogauda/Tomiño
O Día Internacional das Mulleres Rurais ten este ano un significado especial para as integrantes da Asociación de Mulleres Rurais de Tomiño, que recuperan a súa casa tras a finalización dos traballos de rehabilitación do edificio. Unha data especialmente simbólica para regresar a un espazo que durante décadas foi lugar de encontro, aprendizaxe e participación para numerosas mulleres do municipio.
Coincidindo con esta conmemoración, as usuarias da Casa das Mulleres Rurais compartiron unha xornada de convivencia na que tamén recibiron as chaves das instalacións para retomar a súa actividade habitual. Un encontro marcado pola alegría de volver a un lugar que forma parte da historia da asociación e da memoria de moitas das súas integrantes.
Fundada en 1993, a Asociación de Mulleres Rurais de Tomiño conta con máis de tres décadas de traxectoria promovendo a participación das mulleres na vida social e cultural do municipio. Ao longo destes anos, a entidade impulsou unha ampla variedade de actividades formativas e de lecer, con cursos de artesanía, bordado, pintura, manualidades ou informática, ademais de excursións culturais, encontros de convivencia e exposicións dos traballos realizados polas socias.
A recuperación deste espazo, pertencente ao conxunto residencial da Obra Sindical del Hogar e construído entre finais dos anos corenta e principios dos cincuenta, permite dar continuidade a esa traxectoria nun edificio que conta agora con mellores condicións de accesibilidade, habitabilidade e eficiencia enerxética. Os traballos realizados incluíron a creación dunha rampla de acceso e dun aseo adaptado, a resolución de problemas de humidades, a mellora do illamento térmico e a renovación das carpinterías e dos sistemas de climatización, ventilación e iluminación, conservando a identidade arquitectónica orixinal do inmoble.
A coincidencia deste regreso co Día Internacional das Mulleres Rurais convértese tamén nunha merecida homenaxe a todas esas mulleres que, co seu esforzo, compromiso e participación, contribuíron ao longo de xeracións a manter viva a vida social e comunitaria. Un recoñecemento ao seu papel fundamental na historia e no presente de Tomiño, e a todo o que aínda teñen por achegar ao seu futuro.

Ningún comentario:
Publicar un comentario