26 de out. de 2026

OIA

A Praza de Oia acollerá o día 31 unha experiencia inmersiva para viaxar polos ceos de Galicia  

•   A iniciativa combina realidade virtual, exposición fotográfica e planetario

   


Infogauda/Oia

 A rehabilitada Praza de Abastos de Oia acollerá o próximo 31 de outubro a partir das 18:00 horas a iniciativa “Ceo no Camiño: unha viaxe polo ceo de Galicia”, unha proposta que combina realidade virtual, exposición fotográfica e planetario portátil para achegar ao público a riqueza do firmamento galego. 

 A través da imaxe, da ciencia e da emoción “Ceo no Camiño” invita a descubrir Galicia desde a perspectiva do seu ceo, dos solpores e das noites estreladas, nunha experiencia que permite mirar o territorio desde unha nova perspectiva. A proposta vai dirixida ao público xeral e, por tanto, apta para familias, persoas peregrinas, visitantes e profesionais do turismo. 

 A actividade comezará ás 18:00 horas coa apertura da exposición fotográfica. Ás 18:30 terá lugar a presentación do proxecto, que irá acompañada dunha charla divulgativa sobre o ceo de Galicia. A partir das 19:30 horas, o público poderá participar nunha visita guiada á exposición, probar unha experiencia de realidade virtual en 360º e asistir a unha sesión de planetario. Finalmente, de 20:30 a 21:00 horas, a exposición poderá visitarse por libre. 

 Esta iniciativa, impulsada no marco do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia, chega á localidade organizada por LuzLux. O Concello de Oia anima a participar nesta experiencia inmersiva, que cobra especial interese nun concello que recentemente foi declarado Destino Turístico Starlight, nunha aposta por dar a coñecer e poñer en valor a calidade do seu ceo nocturno como parte do patrimonio natural e paisaxístico do territorio. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario