BALONMÁN FEMININO
O Atlético Guardés confirma o regreso ás pistas de María Cobo
• A extremo valenciana recibe a luz verde para competir tras completar con éxito a recuperación da súa rotura de ligamento cruzado anterior no xeonllo esquerdo que a fixo pasar por quirófano en novembro de 2025
• Coa baixa de Elena Martínez aínda en vigor, espérase que Cobo poida sumar os seus primeiros minutos co equipo miñoto este sábado ante o Bera Bera
O Atlético Guardés celebra por fin unha boa noticia entre as súas filas. O equipo baixomiñoto pode contar por fin cunha das súas novas xogadoras desta tempada: a extremo María Cobo, que se incorporou ao equipo na fase final da recuperación dunha rotura de ligamento cruzado anterior no xeonllo esquerdo, que a apartou das pistas a principios da tempada pasada. Con moito traballo detrás e máis ganas que nunca, espérase que a valenciana poida incorporarse á súa primeira convocatoria co club baixomiñoto este sábado, na visita do Bera Bera á Sangriña.
Cobo sufriu a principios da pasada tempada esa complicada lesión de xeonllo, que a apartou das pistas apenas semanas despois de incorporarse ao Balonmán Zuazo Feminino. En novembro, hai case un ano, pasou polo quirófano para iniciar un longo camiño de recuperación que esta semana chegou ao seu fin. En busca dun novo comezo tras unha campaña practicamente completa inactiva, a de Mislata chegou en agosto ao Atlético Guardés sen poder adestrar aínda ao 100%. Aos poucos, a súa rehabilitación particular foi avanzando e hai case dous meses incorporábase aos adestramentos grupais, para recibir este mércores finalmente a luz verde médica para retomar a competición.
Así, o equipo baixomiñoto recupera un efectivo importante, que poderá probar ademais por primeira vez. A valenciana destacaba nas súas últimas accións na pista pola súa capacidade para desenvolverse como lateral, cun 1,78 m de altura moi eficaz no ámbito defensivo; aínda que se espera que achega ao conxunto galego desde o extremo, posición que agora estaba a ser reforzada polas pivotes Cristina Cifuentes e África Sempere. Todo apunta a que a súa versatilidade poderá verse este sábado, 31 de outubro, ás 19.00 horas, na Sangriña, na visita ligueira do Super Amara Bera Bera ao Atlético Guardés, completando Cobo unha convocatoria na que seguirá ausentándose Elena Martínez, aínda con incerteza sobre o estado do seu propio xeonllo.
María Cobo: “Non hai nada que me faga máis ilusión que volver e poder facelo debutando en casa”
A lateral do Atlético Guardés, María Cobo, fala deste último ano como un conxunto de “meses moi longos e duros, de moito traballo, paciencia e aprendizaxe”, conformando todos eles “un camiño que me obrigou a parar e a ver as cousas doutro xeito, ensinándome a valorar cada pequeno paso e todo o que antes daba por feito”. Esa paciencia e constancia son as que lle permitiron recuperarse cumprindo coas pautas e prazos establecidos para volver ás pistas con todas as garantías.
A valenciana contaba os días para retomar a competición despois de tantos meses, e é por iso que di volver “cunha ilusión e unhas ganas tremendas de volver facer o que máis me gusta, de desfrutar de cada adestramento, de cada partido e de volver sentir todo aquilo que tanto botei de menos”. Unha oportunidade que, explica, valora especialmente “despois de ver todo o camiño que hai detrás” e tendo en conta o escenario en que estreará a camiseta baixomiñota: “Non hai nada que me faga máis ilusión que volver estar aí e poder facelo debutando en casa”. Da man das súas compañeiras, Cobo espera que este sábado sexa a ocasión para “volver desfrutar”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario