13 de out. de 2026

A GUARDA

XA ESTÁ ABERTO O PRAZO DE CONSULTA DAS LISTAS DO CENSO ELECTORAL 

PARA AS ELECCIÓNS XERAIS DO 29 DE NOVEMBRO  

• As listas poderán consultarse ata o 19 de outubro na oficina do Padrón Municipal, en horario de 9:00 a 14:00 horas, previa identificación da persoa interesada 

• Recoméndase revisar os datos censuais, especialmente no caso de persoas que cambiaran de domicilio recentemente ou que cumpriran os 18 anos, para garantir a correcta inscrición e poder exercer o dereito ao voto


Casa do Concello da Guarda
Foto: Infogauda

Infogauda/A Guarda

 O Concello da Guarda informa de que, con motivo da convocatoria das eleccións do vindeiro 29 de novembro de 2026, as listas do censo electoral estarán expostas para consulta ata o 19 de outubro co obxectivo de que a veciñanza poida comprobar os seus datos censuais.  

 A consulta poderá realizarse na oficina do Padrón Municipal, en horario de 9:00 a 14:00 horas, de luns a venres. Para garantir a protección dos datos persoais, a consulta deberá efectuarse de xeito individual e previa identificación da persoa interesada mediante DNI, pasaporte ou permiso de conducir.  

 Así mesmo, as persoas interesadas poderán consultar o censo electoral por vía telemática a través da sede electrónica do Instituto Nacional de Estatística (INE), identificándose mediante o sistema Cl@ve.  

 O Concello recomenda especialmente comprobar a correcta inscrición no censo electoral ás persoas que cambiaran de domicilio recentemente e a aquelas que cumpriran os 18 anos nos últimos meses, co obxectivo de verificar que os seus datos están actualizados e que figuran correctamente nas listas electorais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario