O CORO CANTÁBILE CELEBRA O SEU 40º ANIVERSARIO CUN FESTIVAL XUNTO AO CORO XUVENIL PRÓ-MÚSICA, DE PÓVOA DE VARZIM
• O concerto terá lugar o sábado 24 de outubro, ás 20:30 horas, na igrexa parroquial de Santa María da Guarda, e conmemorará tamén o décimo aniversario do coro poveiro
Infogauda/A Guarda
Este sábado, 24 de outubro, ás 20:30 horas, a igrexa parroquial de Santa María da Guarda acollerá un festival de música coral, organizado coa colaboración do Concello da Guarda, con motivo do 40º aniversario do Coro Cantábile.
O evento conmemora os corenta anos de traxectoria do Coro Cantábile, unha efeméride que coincide co décimo aniversario do Coro Xuvenil Pró-Música, de Póvoa de Varzim, agrupación que participará nesta celebración e que contribuirá a reforzar os lazos culturais e musicais entre Galicia e Portugal.
O programa combinará diferentes estilos e repertorios: o Coro Xuvenil Pró-Música, baixo a dirección de Rui Silva, interpretará pezas como Acordai, Grândola Vila Morena, Stabat Mater Dolorosa e Agnus Dei, entre outras composicións.
Pola súa banda, o Coro Cantábile, dirixido por Avelino Ferreira López e acompañado ao piano por Magdalena Argibay, ofrecerá un repertorio que inclúe obras como Agnus Dei, Ubi Caritas, Ave María, Creep e A la Nanita Nana, entre outras propostas musicais.
A celebración será tamén unha oportunidade para render homenaxe ás persoas que fixeron posible a historia do Coro Cantábile durante estas catro décadas.

Ningún comentario:
Publicar un comentario