O Rosal aposta por un teatro valente contra a violencia de xénero
• Denigrantes Comediantes chega ao auditorio este domingo 25 de outubro, ás 19:00 h con ‘O que calamos’, unha obra que rompe silencios. De balde
Infogauda/O Rosal
Verdades agochadas entre silencios e rodeos no teatro esta fin de semana no Rosal coa compañía Denigrantes Comediantes e o seu espectáculo ‘O que calamos’, unha obra que aborda a violencia de xénero desde as experiencias de quen a sofre e que convida ao público a mirar de fronte unha realidade que non sempre resulta doado recoñecer.
A representación terá lugar o domingo 25 de outubro, ás 19:00 horas, no Auditorio Municipal do Rosal, con entrada libre ata completar aforo. A través de diferentes personaxes, mulleres de distintas idades, clases sociais e procedencias, a obra retrata as múltiples formas nas que a violencia e as expectativas sociais poden condicionar as súas vidas. Cada historia presenta unha realidade diferente, pero todas comparten a necesidade de romper co silencio e facer visible aquilo que tantas veces permanece oculto.
Con textos de dramaturgas como Lluïsa Cunillé e Angélica Liddell, Denigrantes Comediantes constrúe unha proposta escénica intensa que vai máis alá da denuncia para explorar tamén a resistencia e a capacidade das protagonistas para recuperar a súa voz. Un espectáculo que non busca respostas fáciles nin suaviza a dureza do maltrato, senón que sitúa o público ante situacións incómodas e o convida a cuestionar comportamentos e realidades que a sociedade aínda debe afrontar.

Ningún comentario:
Publicar un comentario