A Xunta celebra que Galicia sexa a comunidade con máis finalistas nos ‘XIX Premios Nacionais de Artesanía’, cun total de cinco candidaturas
• Os ceramistas de Barreiros Artesanía e a deseñadora e redeira Amalia Puga Cividanes optan ao Premio Produto, mentres que Sandra Vilas —especializada en feltro— é candidata por segundo ano consecutivo ao Premio Emprendemento
• A Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (Apamp) concorre ao Premio Promociona Entidades Privadas 2026 pola súa marca de produtos artesanais A Casa Rodante, inscrita en Artesanía de Galicia
A Fundación Artesanía de Galicia volve optar ao Premio Promociona para Entidades Públicas polo seu programa formativo ‘Aprender da tradición’, enfocado na mellora da capacitación e no fomento da remuda xeracional no sector artesán
Infogauda/Galicia
Un total de cinco candidaturas galegas optan como finalistas aos XIX Premios Nacionais de Artesanía, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e a súa área de promoción da artesanía, Fundesarte. Galicia convértese así na comunidade con máis finalistas, con candidaturas en catro das cinco categorías.
En concreto, os ceramistas Barreiros Artesanía e a deseñadora e redeira Amalia Puga Cividanes optan ao Premio Produto, mentres que Sandra Vilas —especializada en feltro— é candidata por segundo ano consecutivo ao Premio Emprendemento. Na categoría Promociona para Entidades Privadas, resultou finalista a asociación APAMP e a súa marca A Casa Rodante; e no Promociona para Entidades Públicas, é candidata a Fundación Pública Artesanía de Galicia, polo seu proxecto Aprender da tradición. Oficios e técnicas.
Os proxectos gañadores daranse a coñecer o 10 de decembro nunha cerimonia en Zamora.
Detalle dos finalistas galegos
Na categoría Premio Produto 2026, que distingue o mellor produto ou colección, é candidato o obradoiro de cerámica Barreiros Artesanía (Nogueira de Ramuín) por Kyklon, unha colección de pezas en porcelana enfocada á gastronomía. Barreiros Artesanía é un obradoiro familiar centrado na creación de pezas de porcelana de redución, sustentable e elaborada de principio a fin no seu taller, empregando materiais 100 % biodegradables e respectuosos co medio ambiente.
A este galardón opta tamén a deseñadora e redeira da Guarda, Amalia Puga Cividanes, coa súa colección Saia, de lámpadas artesanais deseñadas para incorporar á vida diaria pezas que teñen como punto de partida a cultura marítima galega, os aparellos de pesca reutilizados e as técnicas tradicionais das redeiras. Os finalistas galegos competirán na categoría Produto coa colección Renacidas de Monasterio Díaz SL.
Por outra banda, a artesá Sandra Vilas, do obradoiro Boina Galega (Santiago de Compostela) e especializada no traballo co feltro, opta por segundo ano consecutivo ao Premio Emprendemento. Nesta categoría competirá de novo con Paz González Mesa e con Pilar Ureña Escariz.
Na categoría Promociona para Entidades Privadas resultou finalista a Asociación de Familiares de Persoas con Parálise Cerebral (Apamp) pola súa marca de produtos artesanais A Casa Rodante, inscrita no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e representativa de disciplinas como a cerámica, a cestería, o papel artesanal, a encadernación, a serigrafía, o gravado e o téxtil. Nesta categoría, a entidade con sede en Vigo compite coa Federación de organizacións artesás de Castela e León polo seu proxecto de formación, coa tenda madrileña Cocol Artesanía Tradicional e con Natalia Ortega Haro, polo seu proxecto Worn Studio.
Aprender da tradición
A Fundación Artesanía de Galicia volve ser finalista na categoría Promociona para Entidades Públicas polo seu programa formativo Aprender da tradición. Oficios e técnicas, concibido para garantir a remuda xeracional no sector e dar pulo á calidade das pezas de profesionais xa en activo. O proxecto aposta por un modelo de formación práctica nos oficios tradicionais, especialmente en disciplinas sen formación regrada. Na edición actual, organizáronse cursos de marroquinería, xastrería, ourivería e acibechería, olería de Buño, forxa, pasamanería, patronaxe, sombreirería ou cestería. Neste último caso, co programa Fibranzas. Laboratorio das fibras vexetais, abarcando todo o proceso desde a plantación e recolección das fibras ata o produto final con distintas técnicas.
A Fundación Artesanía de Galicia xa recibiu este galardón en catro ocasións. Nesta mesma categoría competirán a Empresa Insular de Artesanía SA, polo seu proxecto MidaLab Tenerife e a Asociación española de cidades da cerámica (AeCC), polo seu proxecto Hola Cerámica. Tamén a Fundación Centro Nacional do Vidro pola Real Fábrica de Cristais da Granxa e a Universidade Politécnica de Valencia pola súa Cátedra de Artesanía.
Por último, o Premio Nacional de Artesanía está destinado a recoñecer o conxunto dunha obra consolidada. Nesta 19ª edición optarán a este galardón a empresa valenciana Artesanía en Vidrio J. Sorribes SLU, o oleiro Juan Pablo Martínez Sánchez "Pablo Tito" (Úbeda, Jaén) e a marca téxtil segoviana Ábatte.

Ningún comentario:
Publicar un comentario