20 de out. de 2026

TURISMO

A Guarda consolídase como referente do Camiño de Santiago na feira Miranda Jacobea 


Durante os catro días de feira, o expositor institucional da Guarda converteuse nun centro de atención para centos de visitantes
Fotos: CdaG


Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda 

 O Concello da Guarda reforzou esta semana a súa proxección turística nacional coa súa participación, por segundo ano consecutivo, como municipio convidado na feira Miranda Jacobea. O evento, celebrado na localidade burgalesa de Miranda de Ebro do 15 ao 18 de outubro, serviu de escaparate para situar a vila como un punto clave das rutas xacobeas. 

 Durante os catro días de feira, o expositor institucional da Guarda converteuse nun centro de atención para centos de visitantes. As persoas que se achegaron ao espazo puideron coñecer de primeira man a riqueza patrimonial, a cultura e os singulares atractivos turísticos que definen o municipio. A delegación guardesa incidiu especialmente no dobre valor xeográfico do concello: a súa condición de punto de partida do Camiño Portugués pola Costa dentro de Galicia, e a de parada estratexica imprescindible para todos aqueles peregrinos que inician a súa viaxe en terras portuguesas.

 A oferta promocional completouse no propio recinto con soportes visuais de gran formato e contidos multimedia. Entre eles destacou a proxección duns vídeos informativos nos que o alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, interviña directamente para animar aos asistentes a visitar a vila e a descubrir os encantos que ofrece o Camiño ao seu paso pola costa galega. 

 Esta acción promocional insírese dentro do plan estratéxico deseñado polo departamento de Turismo do Concello da Guarda de cara ao vindeiro Ano Xacobeo de 2027. Con iniciativas coma esta, o goberno local busca intensificar a captación de novos fluxos de peregrinos e viaxeiros, convidándoos a descubrir o potencial paisaxístico, gastronómico e cultural que ofrece A Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario