O proxecto «Contigo no Camiño» pecha en A Guarda unha etapa de acompañamento e participación comunitaria
• O acto de clausura, celebrado na contorna da Pasaxe, incluíu unha ruta simbólica entre a explanada Horizonte e o Restaurante Lugar para recoñecer o compromiso de todas as persoas e entidades implicadas
Infogauda/A Guarda
A contorna da Pasaxe, na Guarda, acolleu hoxe o acto de clausura do proxecto «Contigo no Camiño», unha iniciativa impulsada por Cruz Vermella que, ao longo dos últimos meses, promoveu o acompañamento, a participación comunitaria e a actividade física no territorio.
A xornada serviu para poñer en valor o traballo desenvolvido durante este tempo e recoñecer a implicación das persoas, entidades e administracións que contribuíron ao desenvolvemento do proxecto. No encontro participaron representantes do equipo técnico de Cruz Vermella, así como voluntarios e voluntarias que formaron parte activa desta iniciativa.
Antes de comezar a actividade final, celebrouse un acto institucional no que estiveron presentes representantes dalgunhas das entidades patrocinadoras e colaboradoras, entre elas a UNED e Interfish. Tamén asistiron diversas autoridades, como Cristina Correa Pombal, alcaldesa de Oia; Óscar Alonso Álvarez, tenente de alcalde da Guarda, e Ildefonso de la Campa Montenegro, director da Xestión do Plan Xacobeo.
Tras este encontro institucional, os participantes realizaron unha ruta simbólica que partiu da explanada Horizonte, en Portecelo (O Rosal) e rematou no Restaurante Lugar, en Viladesuso (Oia). Este percorrido puxo o punto final a unha xornada marcada pola colaboración, o compromiso colectivo e o recoñecemento ao labor realizado durante os últimos meses.
Con esta clausura, Cruz Vermella quixo agradecer publicamente a participación de todas as persoas e entidades que fixeron posible «Contigo no Camiño», unha iniciativa que incidiu na importancia do acompañamento e da implicación social como ferramentas para fortalecer os vínculos entre as persoas e favorecer unha comunidade máis participativa.
O peche do proxecto supón así unha oportunidade para destacar o valor do traballo conxunto entre profesionais, voluntariado, entidades colaboradoras e administracións, así como a importancia de seguir promovendo iniciativas que contribúan ao benestar e á cohesión social no territorio.


Ningún comentario:
Publicar un comentario