Regresa o proxecto Espazos Efémeros, con novas edicións nos territorios dos GDR Galicia Suroeste, Límia Arnoia e Ulla – Tambre Mandeo
• Tui acollerá entre o 9 e o 12 de outubro o primeiro Espazo Efémero para impulsar o comercio, o produto local e o emprendemento rural
• Galicia Suroeste abre o prazo para que empresas, artesáns, produtores, artistas e persoas emprendedoras soliciten participar no primeiro Espazo Efémero desta nova edición
Infogauda/Tui
Tui será o punto de partida da nova edición de Espazos Efémeros, o proxecto de cooperación interterritorial que busca crear novas oportunidades para o comercio, o emprendemento e a produción local a través da activación temporal de espazos e dunha programación que combina actividade comercial, cultura e dinamización social.
O primeiro Espazo Efémero desta segunda edición celebrarase do 9 ao 12 de outubro de 2026 en Tui, na praza da Inmaculada. A iniciativa está organizada pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural, en colaboración co Concello de Tui.
O obxectivo é reunir nun mesmo espazo diferentes iniciativas vinculadas ao territorio para que poidan dar a coñecer a súa actividade, comercializar produtos ou servizos, realizar demostracións, degustacións ou desenvolver propostas que permitan establecer un contacto directo co público. Un escaparate para novas iniciativas e negocios do territorio.
Espazos Efémeros xurde como unha ferramenta de dinamización que vai máis alá dun evento comercial convencional. O proxecto pretende utilizar temporalmente diferentes espazos para crear puntos de encontro entre empresas, produtores, persoas emprendedoras, cidadanía e visitantes, favorecendo ao mesmo tempo a comercialización, a cooperación e a visibilidade das iniciativas locais. Nesta nova edición participan os grupos de desenvolvemento rural AD Galicia Suroeste Eurural, AD Limia-Arnoia e ADR Ulla Tambre Mandeo, que durante 2026 e 2027 desenvolverán diferentes accións para avanzar na creación dunha rede de espazos temporais sostibles vinculados ao comercio, á cultura e ao emprendemento rural.
As persoas e entidades interesadas en participar no Espazo Efémero de Tui, que contará con 16 postos, poden realizar xa a súa inscrición por correo electrónico a través de info@eurural.gal ata o día 24 de setembro de 2026. A documentación e os formularios necesarios para participar están dispoñibles na web de Galicia Suroeste, no apartado dedicado ao proxecto Espazos Efémeros 2: https://galiciasuroeste.gal/proxectos/espazos-efemeros-2
Unha vez pechado o prazo, as solicitudes serán valoradas de acordo cos criterios establecidos nas bases, onde se valora especialmente a calidade e presentación dos produtos ou servizos, a súa vinculación co territorio, a autenticidade e orixinalidade das propostas e a incorporación de criterios de sostibilidade.
A organización facilitará ás iniciativas seleccionadas o espazo necesario para presentar a súa proposta e complementará a actividade comercial cunha programación cultural, musical e gastronómica destinada a favorecer a afluencia de público e converter o espazo nun punto de encontro durante os catro días.
O Espazo Efémero abrirá as súas portas o venres 9 de outubro. A programación completa de actividades culturais, gastronómicas e de dinamización darase a coñecer nas semanas previas á celebración do evento.
Este proxecto de cooperación interterritorial LEADER desenvólvese no marco da PEPAC 2023-2027 e conta con financiamento da Unión Europea – Feader, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Xunta de Galicia.

Ningún comentario:
Publicar un comentario