30 de set. de 2026

TUI

O incremento das frecuencias e a mellora das comunicacións co hospital e o CUVI son parte das alegacións do Concello de Tui ao proxecto de explotación do transporte público 

• Desde o Concello reclámase tamén acurtar os tempos de viaxe, comunicacións entre as parroquias e o centro, e reforzar as viaxes venres e domingos respondendo as necesidades do alumnado que estuda noutras cidades galegas 


Parada do autobús interurbano, en Tui

Foto: CdeT

Infogauda/Tui

 Mellorar a situación do transporte en Tui e na comarca do Baixo Miño dando resposta ás necesidades das persoas usuarias, é o obxectivo das oito alegacións presentadas polo Concello de Tui ao proxecto de explotación do servizo público de transporte regular de viaxeiros por estrada XG859 – Leste das comarcas do Baixo Miño e Vigo e termos municipais da Guarda, Mos, O Porriño, O Rosal, Tomiño e Tui, que está en información pública.  

 Incremento das frecuencias, comunicación cos hospitais, co campus universitario e co propio termo municipal e da comarca, así coma a mellora da comunicación sobre liñas e horarios centran as solicitudes realizadas polo Concello de Tui.  

 Por unha banda dende o Concello de Tui solicítase incrementar as frecuencias da comunicación co Hospital Álvaro Cunqueiro, propondo que se realicen cada hora sobre todo en horario matinal, que é cando teñen lugar a meirande parte das consultas externas, e sexan semidirecto sen chegar á Intermodal, con paradas so nas principais cidades e circulando pola AP-9.  

 Por outra parte con respecto ao transporte dende A Guarda a Vigo pasando por Tomiño, Tui e o Porriño o Concello de Tui solicita unha liña ininterrompida entre as 6.45 h e ás 21.30 h en sentido ida, e entre as 7.30 h e ás 22.00 h as viaxes de volta. Proponse amais reforzar o servizo os venres para o regreso a casa do alumnado que estuda noutras cidades galegas e os domingos para a incorporación de novo aos campus universitarios ou centros de estudos.  

 O terceiro punto recollido polo Concello de Tui nas súas alegacións refírese ao establecemento dunha liña semidirecta e outra directa Tui-Vigo Intermodal, que poida circular pola AP-9 para reducir os tempos da viaxe, e con frecuencias cada hora, coma existe noutros concellos limítrofes.  

 Con respecto á comunicación co CUVI saíndo dende A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, e O Porriño exponse que os horarios establecidos son incompatibles cos horarios lectivos nas facultades polo que se solicita unha saída máis dende A Guarda ás 13.30 h, e anticipar o último regreso ás 21.30  h. Amais inclúese a solicitude de recuperar a liña directa Tui-Rebordáns-CUVI con saídas ás 7 h, ás 8 h, ás 9 h, e ás 14.30 h e regresos ás 14.30 h, 18.30 h, e 21.30 h.  

 O Concello de Tui nas súas alegacións propón a mellora da comunicación entre as parroquias e Tui centro. Solicítase que se amplíe a comunicación a todas as parroquias  e Tui centro cun horario similar ao da liña que os xoves vai de Sobredo a Tui con saída ás 9 h e regreso ás 13 h. Tamén se inclúe a definición de rutas circulares interparroquiais regulares con frecuencias fixas diarias que conecten as parroquias cos servizos básicos do centro urbano.  

 Noutra alegación faise fincapé en que non varíe o horario do transporte público na fin de semana, festivos e verán, e se incorpore unha liña estival que conecte Tui coas praias nos meses de xullo e agosto con saída ás 12 h e regreso ás 20 h.  

 O cumprimento da axenda 2030 cun transporte eco 100%, e a mellora da información sobre o servizo con paneis informativos en tempo real, o desenvolvemento dunha APP con seguimento dos autobuses e alertas de servizos, a accesible en todas as liñas con asentos preferentes para persoas con mobilidade reducida e cadeiras de rodas son outras das cuestións recollidas polo Concello de Tui nas alegacións presentadas ante a Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario