Remata un verán de diversión no Campamento do Concello de Tui que acolleu máis de 500 nenos e nenas
• Os e as participantes, xunto aos monitores, deixaron a súa pegada artística, nun mural nunha das paredes exteriores do pavillón Gustavo Rodríguez
Infogauda/Tui
Cunha festa de disfraces e distintos xogos rematou onte o Campamento de Verán do Concello de Tui celebrado ao longo dos meses de xullo e agosto no pavillón municipal Gustavo Rodríguez e noutros espazos como a piscina municipal, a praia de Areeiros, ou as rúas da cidade.
Ao longo das catro quendas do Campamento, máis de 500 nenos e nenas, 140 por quenda, gozaron das actividades realizadas con xogos de auga, piscina, piragüismo, obradoiros para pintar a camiseta, xincanas, festa da escuma, partidos de brilé, e moito máis.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, visitaron onte o Pavillón Gustavo Rodríguez para saudar, nesta derradeira xornada, aos nenos e nenas e aos monitores que gozaron ao longo do verán das distintas actividades. Tiveron tamén oportunidade de contemplar o mural que, por segundo ano, os e as participantes nas distintas quendas foron pintando nunha das paredes exteriores do pavillón, deixando así a súa pegada artística nesta instalación municipal.
O horario habitual do Campamento foi de 9 a 14 h ofrecéndose a posibilidade de incorporarse ás 7.45 h e de recollida até ás 15.15 h co fin de facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

Ningún comentario:
Publicar un comentario