O Pasaporte ADETO chega ao seu destino
• A campaña Pasaporte chega ao seu fin cunha xornada festiva na Praza do Seixo
Gonzalo Lomba/Tomiño
ADETO pechará a súa campaña Pasaporte na tarde deste venres, 4 de setembro, na praza do Seixo nunha xornada con actividades infantís, inchable, actuación de maxia e por suposto o sorte final da campaña no que se coñecerán as persoas gañadoras dos 300€ en vales de compra e dos demais premios.
Desde a asociación animan a todas as persoas consumidoras a aproveitar estas últimas datas para completar o seu pasaporte e entregalo o propio venres nas urnas habilitadas na praza do Seixo a partir das 18:30 do venres.
A xornada contará coa actuación de Samuel Moreno que ofrecerá un espectáculo de maxia para todos os públicos, cun taller infantil a cargo de Canguriños e con inchable para que nenos e nenas se divirten mentres os maiores fan as súas últimas compras para conseguir os selos necesarios para o seu Pasaporte.
Na mesma tarde do venres, Tomiño acollerá tamén a campaña Comercio Compensa impulsada pola Xunta de Galicia para fomentar o consumo responsable e sostible entre as persoas consumidoras do comercio local. Todo aquel que presente un tícket de compra do comercio local no stand da campaña recibirá como agasallo unha bolsa reutilizable.
A campaña Pasaporte é unha iniciativa de ADETO para a dinamización dos negocios locais que conta co financiamento e apoio da Xunta de Galicia e do Concello de Tomiño.

Ningún comentario:
Publicar un comentario