O PSOE de Oia consegue aprobar unha moción para reclamar un Bono Concilia máis xusto e que priorice ás familias que máis o necesitan
• A iniciativa, defendida pola concelleira socialista María Pilar Álvarez González, saíu adiante con 5 votos a favor
Infogauda/Oia
O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Oia conseguiu sacar adiante no pleno municipal unha moción para reclamar á Xunta de Galicia cambios no Bono Concilia Familia, co obxectivo de que estas axudas atendan á situación económica, social e de vulnerabilidade das familias e non dependan unicamente da orde de presentación das solicitudes.
A proposta foi defendida no pleno pola concelleira socialista María Pilar Álvarez González e resultou aprobada con 5 votos a favor, correspondentes aos catro concelleiros do PSOE e ao representante do BNG, e 6 abstencións do Partido Popular.
A iniciativa chega despois da publicación da convocatoria do Bono Concilia Familia 2026. A Xunta abriu o prazo o 9 de setembro cun orzamento de 2,6 millóns de euros e estableceu un sistema de concorrencia non competitiva, no que a prioridade para acceder ás axudas vén determinada pola orde de presentación da documentación completa ata o esgotamento do crédito.
Desde o PSOE de Oia cuestionamos este modelo porque entendemos que unha axuda destinada a favorecer a conciliación debe priorizar ás familias en función das súas circunstancias e necesidades, e non de quen consegue presentar antes unha solicitude.
“As axudas públicas para conciliar deben chegar primeiro a quen máis as necesita. Non nos parece xusto que a situación económica ou social dunha familia quede nun segundo plano fronte á hora ou ao día no que conseguiu presentar unha solicitude”, sinalou María Pilar Álvarez durante a defensa da iniciativa.
Campamentos públicos excluídos
Outro dos aspectos cuestionados pola moción é a exclusión dos campamentos organizados directa ou indirectamente polas administracións públicas. A propia información oficial do Bono Concilia Familia especifica que se poden subvencionar determinados servizos de conciliación e campamentos privados, pero quedan fóra os organizados polas administracións públicas.
Para o Grupo Municipal Socialista, esta condición pode prexudicar precisamente ás familias que optaron por recursos municipais ou doutras administracións para poder conciliar durante as vacacións escolares.
“Unha familia que necesita conciliar non deixa de ter gastos porque escolla un campamento municipal. O criterio debería ser a necesidade da familia e a súa situación socioeconómica, non se o recurso empregado é público ou privado”, defendeu a concelleira socialista.
Tres peticións concretas á Xunta
A moción aprobada polo Concello de Oia reclama á Xunta tres actuacións. En primeiro lugar, planificar e concretar os obxectivos reais da política de bonos da Consellería competente en materia social, especialmente no relativo ao Bono Concilia.
En segundo lugar, solicita modificar o sistema de acceso ás axudas, establecendo unha baremación que teña en conta as condicións económicas, sociais e de vulnerabilidade das familias e dos menores, así como a situación das familias que solicitaron campamentos ás administracións públicas.
Finalmente, a proposta reclama habilitar unha liña de axudas para aquelas familias que queden fóra da convocatoria de 2026 e presenten unha situación socioeconómica que xustifique a necesidade da axuda.
Os socialistas lembran ademais que a experiencia da convocatoria anterior demostrou que o esgotamento dos fondos non é unha posibilidade meramente teórica. Na convocatoria de 2025, a Xunta publicou oficialmente o esgotamento do crédito dispoñible e deixou de admitir solicitudes posteriores, de acordo co sistema de concorrencia non competitiva establecido.
“Conciliar non pode depender de chegar primeiro”
“Desde o PSOE de Oia valoramos a aprobación da moción porque permite que o Concello traslade á Xunta unha petición concreta para revisar un sistema que consideramos mellorable.
Defendemos unhas políticas de conciliación que teñan ás familias no centro. Conciliar non pode converterse nunha carreira para presentar unha solicitude nin deixar atrás a quen ten menos recursos. As axudas públicas deben servir precisamente para reducir desigualdades e chegar a quen máis as necesita”, conclúe María Pilar Álvarez González.
Resultado da votación: 5 votos a favor (4 PSOE e 1 BNG) e 6 abstencións (PP). A moción quedou aprobada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario