2 de set. de 2026

O ROSAL

O Rosal dálle a benvida ao outono cunha completa axenda cultural   

 O Concello programa durante setembro e outubro máis dunha ducia de propostas para todos os públicos  


Infogauda/O Rosal

 Dous meses, máis dunha ducia de propostas e moitas maneiras diferentes de vivir a cultura sen saír do Rosal. O Concello presenta a súa axenda cultural de setembro e outubro, unha programación que acompañará a chegada do outono con teatro, música, narración oral, exposicións e actividades tradicionais pensadas para públicos de todas as idades e que terán como principais escenarios o Auditorio Municipal, a Biblioteca e a Praza do Calvario. 

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destaca que esta programación “reflicte a aposta que facemos por unha cultura próxima, diversa e accesible, que forme parte da vida cotiá da veciñanza”. “Queremos que no Rosal sempre haxa unha razón para saír da casa, atoparnos e compartir. A cultura crea comunidade, esperta curiosidade e emocións e axúdanos tamén a construír un municipio máis vivo”, salienta. 

 A axenda arranca en setembro cunha nova edición dos Venres Rebuldeiros, que levarán á Biblioteca dúas propostas de narración oral ás 18.00 horas. O vindeiro venres 11 de setembro será a quenda de ‘Os mundos de Elisa’, mentres que o día 25 de setembro  chegará ‘Historias dun mundo grande’. 

 O teatro terá tamén un peso destacado durante este primeiro mes. O domingo, 20 de setembro, ás 20.00 h, Noitebras Teatro subirá ao escenario do Auditorio Municipal con ‘Retablo do esperpento’. Unha semana máis tarde, o domingo 27 á mesma hora, Mofa e Befa – Producións Excéntricas presentará ‘Os dous de sempre’. 

 “Deseñamos unha programación variada tanto nos formatos como nos públicos, combinando compañías e propostas escénicas con actividades que achegan a cultura ás familias e especialmente aos nenos e nenas”, explica o concelleiro de Cultura, Carlos Villanueva. Para o edil, “o importante é que cada persoa poida atopar algo que lle apeteza descubrir e que espazos como a Biblioteca, o Auditorio ou a propia praza do Calvario continúen sendo lugares de encontro arredor da cultura”. 

Outubro, entre os escenarios e a tradición 

 A programación continuará en outubro cunha nova edición dos Venres Rebuldeiros o día 9 ás 18.00 horas na Biblioteca, desta volta con Vero Rilo e ‘Elas’. O ciclo regresará o venres 23 con ‘Estás como unha cabra’, tamén ás 18.00 horas. 

 Entre ambas as dúas citas, a tradición tomará a praza do Calvario coa Festa do Pilar de Outono. O domingo 11 será a quenda de Tiruleque e o luns 12 a programación continuará co Feira de Produtos, unha demostración do traballo dos telleiros (cabaqueiros, na xerga da profesión) e o VI Memorial Irmáns Flores. 

 A música será protagonista o sábado 24 no Auditorio coa celebración, ás 20.00 horas, do Concerto de Outono da AMdOR, que coincidirá co 22º aniversario da Coral. A programación escénica pechará outubro o domingo, 25, ás 20.00 horas, con ‘O que calamos’, de Denigrantes Comediantes, unha nova oportunidade para achegarse ao teatro no Auditorio Municipal. 

Tres exposicións para completar a axenda 

 Á programación de espectáculos e actividades súmanse tres exposicións que permitirán achegarse a diferentes linguaxes artísticas durante setembro e outubro. 

 Do 7 ao 14 de setembro poderá visitarse ‘Mandalas e bolboretas’, de Enrique Toscano. A continuación, do 18 de setembro ao 7 de outubro, chegará ‘Expresarte’, unha proposta da Consellería de Política Social e Igualdade. Finalmente, do 9 ao 12 de outubro, a programación expositiva pecharase con ‘Cestería e pintura’, de alumnas de Águeda Suárez.

Ningún comentario:

Publicar un comentario