8 de set. de 2026

O PORRIÑO

O PSOE DO PORRIÑO LEVARÁ AO PLENO O SOTERRAMENTO DA NOVA LIÑA DE ALTA TENSIÓN E DENUNCIA O MUTISMO DE ALEJANDRO LORENZO 

Os socialistas critican que o alcalde non informase aos veciños deste proxecto na reunión celebrada en Cans o 4 de agosto, malia ter o expediente á súa disposición, e contrastan a súa inacción coa resposta dos concellos de Mos e Vigo 


David Alonso Bargiela e Estela María Táboas González, integrantes do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE na Corporación Municipal do Porriño
Foto: GMS

Infogauda/O Porriño

 O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE vén de facer público que presentará “no próximo Pleno unha moción para esixir a modificación e o soterramento do trazado da nova liña eléctrica de 220 kV ao seu paso polo Porriño, promovida por Red Eléctrica de España. 

 O proxecto contempla 1,899 km de liña aérea integramente dentro do municipio, entre os apoios T-50 Bis e T-7N, atravesando terreos de Santa María do Porriño e Cans; afectando ao monte da Risca, propiedades particulares, montes veciñais e comunidades de augas”. 

 A moción socialista propón tres acordos: reclamar un trazado alternativo afastado das vivendas e dos espazos de maior valor ambiental; esixir o soterramento do tramo proxectado como aéreo no Porriño; e presentar alegacións municipais, ofrecendo información e asistencia técnica e xurídica ás persoas e entidades afectadas. 

Silencio ante os veciños de Cans 

 O PSOE denuncia especialmente “a actuación do alcalde, Alejandro Lorenzo, durante a reunión celebrada en Cans o pasado 4 de agosto, á que foron convocados veciños, asociacións e colectivos da parroquia. 

 A documentación oficial indica que o expediente foi posto á disposición dos concellos afectados. Da tramitación dunha nova liña de alta tensión que atravesaría Cans, o proxecto, o trazado, as torres previstas, as propiedades afectadas ou o prazo para presentar alegacións, o alcalde xa era coñecedor nesa reunión, pero non informou aos veciños, malia ser coñecedor do proxecto”. 

 O portavoz socialista, David Alonso, considera esta conduta “dunha gravidade difícil de xustificar. Alejandro Lorenzo estivo o 4 de agosto diante dos veciños e dos colectivos de Cans e calou sobre un proxecto que afecta directamente as súas propiedades, os seus montes e as súas augas. Non falamos dun tema administrativo, senón dunha nova liña aérea de 220 kV. O mínimo que debe facer un alcalde, é informar e poñerse inmediatamente do lado das persoas afectadas. 

 O Grupo Municipal Socialista solicitou o 2 de agosto acceso ao expediente municipal, sin que a data actual se nos dese acceso á documentación

O Porriño, por detrás de Mos e Vigo 

 Os socialistas contrastan “o mutismo e a inacción do goberno municipal do Porriño, coa resposta doutros municipios afectados polo mesmo proxecto. O Concello de Vigo publicou a información na súa sede electrónica e o Concello de Mos anunciou publicamente que presentará alegacións para revisar o trazado e reducir a súa proximidade ás vivendas. 

 O propio proxecto contempla un tramo soterrado de 4,250 km entre O Porriño e Mos, dos cales 3,996 km discorrerían por territorio mosense. Para o PSOE, isto demostra que o soterramento é unha alternativa técnica real, que tamén debe ser estudada para os 1,899 km previstos como aéreos no Porriño”. 

 “Mentres outros concellos informan, publican a documentación e anuncian alegacións, no Porriño tivemos silencio e inacción. Se a alcaldesa de Mos, compañeira de partido de Alejandro Lorenzo, defende a súa veciñanza e reclama cambios no trazado, non existe ningunha escusa para que o alcalde do Porriño non faga o mesmo” afirma David Alonso. 

 O PSOE reclama a convocatoria inmediata dos propietarios particulares, da Comunidade de Montes de Cans; dos Montes Veciñais de Santa María; da Comunidade de Augas de Cans; e das asociacións veciñais. 

 “O monte da Risca é un pulmón verde de todo O Porriño e Cans non pode seguir acumulando novas servidumes sen información nin defensa institucional. A nosa posición é clara: outro trazado e soterramento da liña ao seu paso polo Porriño” conclúe o portavoz socialista.

Ningún comentario:

Publicar un comentario