30 de set. de 2026

FIGUEIRÓ (TOMIÑO)

San Campio de Figueiró inicia unha nova etapa coa chegada do seu novo reitor  

•  José Antonio García Acuña tomará posesión canónica este domingo, 4 de outubro, nunha celebración que terá lugar ás 20:00 horas no santuario  




Ricardo Rodríguez Vicente/Figueiró

 O Santuario de San Campio de Figueiró, en Tomiño, prepárase para iniciar unha nova etapa coa toma de posesión canónica do seu novo párroco e reitor, o Rvdo. P. D. José Antonio García Acuña. A celebración terá lugar o vindeiro domingo, 4 de outubro, ás 20:00 horas, no propio santuario, e reunirá á comunidade parroquial e aos fieis e devotos de San Campio. 

 D. José Antonio asumirá, ademais, a responsabilidade pastoral das parroquias de Santiago de Estás e San Pedro de Forcadela, desde as que tamén se inicia este novo camiño pastoral.  

 A chegada do novo párroco e reitor prodúcese nun momento especialmente significativo para a comunidade de San Campio, que mantén vivo o recordo agradecido do Rvdo. D. José Luis Portela Trigo. Durante tantos anos, D. José Luis dedicou o seu ministerio ao servizo desta comunidade, deixando unha fonda pegada na vida parroquial e espiritual do santuario.  

 A comunidade afronta agora o futuro con esperanza e coa vontade de continuar o camiño percorrido, poñendo esta nova etapa nas mans de Deus e confiando no labor do seu novo pastor.  

 Desde o Santuario de San Campio invítase aos fieis a participar nesta celebración de toma de posesión e a acompañar a D. José Antonio no comezo do seu ministerio. Unha chegada que a comunidade quere vivir «co corazón aberto» e coa petición de que o Señor bendiga o seu labor e o acompañe no servizo ás tres comunidades.

 A celebración estará tamén baixo a intercesión de San Campio, patrón e referente espiritual dun santuario que, xeración tras xeración, continúa sendo para numerosos fieis un lugar de encontro, oración, fe e esperanza.  

 «O que queira ser primeiro entre vós, que sexa o voso servidor» (Mateo 20, 27).  

 Con estas palabras do Evanxeo como guía, San Campio de Figueiró abre unha nova páxina da súa historia e dá a benvida ao seu novo párroco e reitor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario