A Guarda convértese na capital nacional da filatelia coa chegada de FILATEM 2026
• A vila acollerá do 8 ao 12 de outubro a Exposición Nacional de Filatelia Temática, que reúne 36 coleccións, incorpora por primeira vez unha sección xuvenil e contará cun selo e varios mataselos conmemorativos dedicados a A Guarda e a Celso García de la Riega
Roberto José Álvarez Carrero, alcalde da Guarda, con José Ángel Gándara Rodríguez, presidente da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa, e Celso Rodríguez Fariñas, concelleiro de Cultura e Deportes, na presentación de FILATEM 2026
Foto:SFeNG
Ricardo Rodríguez Vicente/A Guarda
A Guarda prepárase para converterse, durante cinco días, no punto de encontro da filatelia española. Do 8 ao 12 de outubro, a vila acollerá FILATEM 2026, a Exposición Nacional de Filatelia Temática, unha cita que nesta edición medra en participación e incorpora como principal novidade unha sección xuvenil destinada a achegar o coleccionismo ás novas xeracións.
A mostra está organizada conxuntamente pola Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa e a Federación Española de Sociedades Filatélicas (FESOFI), co respaldo da Deputación de Pontevedra, o Concello da Guarda e a Federación Galega de Sociedades Filatélicas (FEGASOFI), ademais da colaboración de Correos.
A inauguración oficial será o xoves, 8 de outubro ás 12.00 horas, dando paso a un percorrido por coleccións nas que a filatelia se converte nunha xanela aberta á historia, á arte, á ciencia e á cultura.
Unha imaxe de A Guarda, de novo nun selo
Un dos momentos máis agardados da xornada inaugural chegará ás 13.00 horas, coa presentación por parte de Correos do selo oficial de FILATEM e dos elementos postais asociados á exposición.
Será a segunda ocasión na que unha imaxe da Guarda apareza impresa nun selo de Correos. Nesta ocasión, o motivo escollido será a praza do Reló, un dos espazos máis emblemáticos do patrimonio histórico da vila. A imaxe procede dunha obra do artista guardés Luis Alberto Franco Lomba (Berto Franco), proposta pola Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa a Correos.
A emisión estará acompañada dun mataselos de primeiro día, un mataselos especial e o correspondente selo, convertendo A Guarda nunha das protagonistas da actividade filatélica nacional durante estes días.
18 coleccións adultas e 18 xuvenís
FILATEM 2026 chega cunha participación especialmente destacada. A exposición reunirá 18 coleccións de adultos, ás que se sumarán outras 18 coleccións xuvenís, distribuídas en tres grupos de idade.
Na Clase Oficial, José Ramón Rumoroso Rodríguez, da Federación Asturiana, presentará De madera al acero. De la vela a la propulsión nuclear: la navegación desde el siglo XVIII, unha colección que ocupará oito cadros expositivos e que permitirá percorrer a evolución da navegación desde o século XVIII ata a era da propulsión nuclear.
A Clase Competición ofrecerá un amplo mosaico de temas. A cartografía, a historia da España dos Austrias, o mundo do viño, o cine, o hóckey herba, a revolución dixital, a Antártida ou os Camiños de Santiago en Galicia son algunhas das cuestións que protagonizarán as coleccións participantes.
Entre elas estarán tamén dúas propostas de membros da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa: Luciano Lomba, coa colección Catedrales, e Almudena Taboada, coa súa colección dedicada á Antártida.
Pero se hai unha novidade que marca especialmente esta edición é a incorporación da sección xuvenil. A presenza de 18 coleccións elaboradas por novos afeccionados permite abrir unha nova etapa para a filatelia e amosar que o coleccionismo segue atopando interese entre as xeracións máis novas.
Dinosauros, deportes de inverno, o violín, os bombeiros ou o mundo do motor son algúns dos temas escollidos polos participantes máis novos, demostrando que detrás dun selo pode haber tamén unha historia, unha afección ou unha maneira de descubrir o mundo.
Cinco días para vivir a filatelia
A exposición irá moito máis alá da contemplación das coleccións. A organización deseñou un programa de actividades que combinará os actos institucionais coa divulgación e o contacto directo entre coleccionistas.
O venres, 9 estará especialmente dedicado á divulgación entre os escolares da contorna, que poderán achegarse á exposición e coñecer de primeira man unha actividade que combina historia, cultura e investigación.
O domingo, 11, pola mañá, os coleccionistas terán a oportunidade de recibir atención do xurado e participar nunha mesa redonda sobre Como mellorar a nosa colección de Filatelia Temática a través da folla de cualificación. A actividade, prevista para as 11.30 horas, pretende ofrecer ferramentas prácticas para comprender mellor os criterios de valoración e perfeccionar as coleccións.
Xa pola tarde, ás 18.00 horas, terá lugar a entrega da Medalla de Ouro ao Mérito Filatélico de FEGASOFI a José Ángel Gándara Rodríguez, un dos momentos destacados da programación, antes da tradicional Cena de Palmarés, prevista para ás 21.00 horas.
Un catálogo con sinaturas de prestixio
FILATEM 2026 contará tamén cun catálogo oficial de coleccionista, avalado por un Comité de Honor presidido polos Reis de España.
A publicación incluirá artigos de destacados especialistas do ámbito cultural e filatélico, entre eles Rafael Acuña Castillo e Paco Piniella, membros da Comisión de Filatelia Temática de FESOFI.
Deste xeito, a exposición pretende deixar algo máis que unha sucesión de vitrinas e selos: un documento que recolla a importancia da cita e o coñecemento asociado á filatelia temática.
Unha semana marcada polos selos
A actividade comezará xa antes da inauguración oficial. O martes 6 de outubro está previsto o montaxe das vitrinas, mentres que o mércores 7 será a quenda do montaxe das coleccións.
O xurado constituirase o xoves 8 ás 10.00 horas e desenvolverá o seu traballo durante as xornadas seguintes, con sesións previstas o xoves pola tarde, o venres e o sábado pola mañá.
O luns 12, ás 12.00 horas, chegará o momento da recollida das coleccións e do peche desta edición de FILATEM.
Para o público, a exposición poderá visitarse polas mañás, de 10.00 a 13.00 horas, e polas tardes, de 16.00 a 20.00 horas. Durante cinco días, A Guarda será así escenario dunha exposición na que os selos servirán como fío condutor para viaxar pola historia, a ciencia, a cultura e as paixóns.
Durante cinco días, A Guarda será así escenario dunha exposición na que os selos servirán como fío condutor para viaxar pola historia, a ciencia, a cultura e as paixóns humanas. Unha celebración que, ademais de situar a vila no mapa nacional da filatelia, aposta pola continuidade da afección coa incorporación das novas xeracións.





Ningún comentario:
Publicar un comentario