9 de set. de 2026

A GUARDA

Portos de Galicia consensúa co sector profesional da Guarda melloras nas instalacións 

Natalia Botana visitou a dársena guardesa e comprometeu a renovación do portalón de entrada á zona de varada de embarcacións para reforzar a seguridade da frota 



Natalia Botana Rey, presidenta de Portos de Galicia, nun momento da súa visita ao porto da Guarda, acompañada polo alcalde Roberto José Álvarez Carrero, e polo patrón maior da Confraría de Pescadores Santa tecla, Rubén Adrover Álvarez
Fotos: XG
A presidenta de Portos de Galicia, e o alcalde da Guarda, con María Jesús González González, da Asociación de Redeiras do Baixo Miño - Atalaia, da Guarda


Infogauda/A Guarda

 Portos de Galicia renovará o portalón de entrada á zona de varada das embarcacións no peirao do municipio pontevedrés da Guarda. Así o confirmou está mañá Natalia Botana Rey, presidenta do ente público nunha visita ao porto para consensuar co sector profesional melloras para as súas instalacións.  

 Botana, que estivo acompañada polo alcalde da Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, e o patrón maior da Confraría de Pescadores Santa Tecla, Rubén Adrover Álvarez, confirmou a próxima substitución do sistema de control de accesos á zona de traballo dos mariñeiros, tal como solicitaba a confraría de pescadores. Así mesmo, a presidenta de Portos e o patrón maior revisaron o estado dos departamentos de usuarios e acordaron traballar de xeito coordinado para mellorar estes locais e as condicións de traballo dos profesionais que os utilizan. Durante o encontro abordouse, ademais, a planificación da segunda fase da renovación da rampla de varada, logo da obra de ampliación executada anteriormente polo ente público.  

 Finalmente, durante a súa visita a presidenta de Portos comprobou tamén, acompañada por María Jesús González González, presidenta da Asociación de Redeiras do Baixo Miño - Atalaia da Guarda, o remate das obras de acondicionamento da nave de redes da Guarda. Esta actuación, orzamentada en 12.000 euros, foi executada pola Consellería do Mar no marco do plan de equipamentos portuarios e permitiu habilitar unha nova zona de traballo para o desenvolvemento da actividade das redeiras.

Ningún comentario:

Publicar un comentario