BALONMÁN FEMININO
O Atlético Guardés saca músculo e estréase ao grande en casa (29-17)
• O equipo baixomiñoto inaugurou a liga este mércores impoñéndose sen dúbidas ante un Grafometal Sporting La Rioja sen opcións
• As de Prades comezaron con superioridade desde os primeiros instantes, grazas a un ataque agresivo e atento e a unha defensa pechada en banda, aínda que abriron o folgado oco final cara a mediados da segunda parte
Redacción Deportes/A Guarda
O Atlético Guardés abre a liga Guerreiras Iberdrola 2026/2027 cunha vitoria de carácter. As de José Ignacio Prades impuxéronse sen dúbidas este mércores na primeira xornada ante o Grafometal Sporting La Rioja, que visitou A Sangriña para irse cunha diferenza de 12 goles (29-17). Aínda que o conxunto local foi superior desde o mesmo inicio, foi na segunda parte cando o ataque e a defensa guardesas brillaron de verdade para certificar a superioridade clara. A lamentar, a caída de Elena Martínez durante o quecemento que lle impediu sumar minutos de xogo.
O Atlético Guardés saíu á pista con forza, asestando os primeiros golpes con contundencia para pechar un primeiro parcial 4-1 que deixou ás rivais sen capacidade de resposta (min. 5). Tardaron en chegar os goles rioxanos, anulado o seu 6 por unha defensa anfitrioa comprimida na que brillou tanto a barreira no seu conxunto como as accións individuais de Blazka Hauptman, Noelia Solla ou María Palomo, entre outras. Continuou a seca logroñesa ata case o ecuador desta primeira parte, cando a ofensiva capitaneada por June Loidi puido replicar algunhas ocasións, aínda que xa se botara ás costas a pesada laxa de cinco tantos de vantaxe do equipo da Sangriña (8-3, min. 15).
Destacou a efectividade dun local ao que lle sentou ben a longa pretemporada. As de Prades estiveron acertadas desde case todas as posicións, brillando especialmente Rosane Serrano na liña de sete metros (7 goles en total), Cecilia Cacheda como batuta do xogo (5 goles) e Blazka Hauptman como terceira canoneira ao mando (outros 5 tantos). Foi esa definición a que lle permitiu encarar o descanso coa mesma vantaxe, a pesar dunha breve recuperación rival froito dalgunha exclusión (13-8, min. 30).
A segunda parte foi un auténtico festín na Sangriña. As anfitrioas continuaron o seu debut-exhibición para abrir o oco e levalo a extremos insalvables para o conxunto logroñés (22-13 no min. 45). Foi coa mesma fórmula defensiva sen cesións e cun ataque perfectamente coordinado que o Atlético Guardés certificou a súa primeira vitoria da tempada competitiva, cun folgado marcador que continúa a súa fama de defensor imbatible herdada da pasada tempada (29-17, final).
Este sábado, ás 19.30 horas, no pavillón René Marigil, segundo asalto a domicilio en Sagunto ante un Balonmán Morvedre que debutou con derrota ante o Conservas Orbe Zendal Bm Porriño (27-19).
José Ignacio Prades: “Respondemos ante a nosa afección”
A pé de campo, o adestrador do Atlético Guardés valorou este comezo como un partido “quizá, típico de inicio”, no que “creo que os dous saíamos con moitísima intención de sumar e de agradar”, pero respecto as súas dixo: “nos metemos moi ben no partido e respondemos ante a nosa afección”.
O de Petrer viu unha motivación especial no seu persoal: “Quizá a lesión de Elena no quecemento fixo que o equipo aínda se unise un pouquiño máis e déselle unha volta de porca ao esforzo destas semanas”, explica. En definitiva, as conclusións deste brillante debut son moi positivas, destacando o técnico as boas sensacións e o resultado, aínda que recoñecendo que “a diferenza quizá non sexa a real que hai entre estes dous equipos, xa que creo que A Rioxa é moi forte e este ano será un dos que estea arriba”. Agora, nas súas palabras, a descansar e recuperar para o partido “durísimo” de segunda xornada este sábado en Sagunto.
Club Balonmán Atlético Guardés (13+14): Sabina Mínguez (p.), Silvia Leiras (1), Blazka Hauptman (5), Aintzane García (2), Cecilia Cacheda (5), María Palomo (3), Rosane Serrano (7), Elena Martínez, Cristina Cifuentes (1), Carme Castro, Daniela García, Nerea Gil (2), Ania Ramos (3), Noelia Solla, Sabela Lomba e Ana Marín (p.).
Grafometal Sporting La Rioja (8+9): Lorena Pérez (3), Blanca Benítez (2), Fernanda Insfran (3), Yovanka Giménez (1), Leire Parra (1), Geandra Rodrigues (p.), Aileen Ripa, Paula Morales (1), Garoa Sarrionandia-Ibarra, Fernanda Couto (2), Azul Spinelli (1), Sarai Sanmartín, June Loidi (2), Jazmín Mendoza (1) e Marta Mera (p.).
Marcador cada cinco minutos: 4-1, 5-1, 8-3, 8-5, 10-8, 13-8, 16-19, 18-10, 22-13, 25-14, 28-16, 29-17.
Árbitros: Alejandro Hoz e Áxel Riloba. Amoestaron con tarxeta amarela aos locais Carme Castro e José Ignacio Prades (adestrador), e á visitante Sarai Sanmartín e excluíron con dous minutos ás locais María Palomo e Noelia Solla (3) e ás visitantes Fernanda Insfran, Azul Spinelli e June Loidi (2). Expulsaron por acumulación de exclusións á local Noelia Solla no min. 49.
Incidencias: Primeira xornada da liga Guerreras Iberdrola 2026/2027, disputada no pavillón da Sangriña. Antes de comezar gardouse un minuto de silencio por Silvia Ederra, ex xogadora de balonmán falecida nos últimos días.
Ningún comentario:
Publicar un comentario