29 de set. de 2026

A GUARDA

O CONCELLO DA GUARDA RECLAMA Á XUNTA DE GALICIA UN TRANSPORTE PÚBLICO ADAPTADO ÁS NECESIDADES REAIS DA VECIÑANZA  

• O Goberno local presentou alegacións ao proxecto de mobilidade entre A Guarda e Vigo, instando a melloras nas conexións cos complexos hospitalarios, os centros educativos e coa comarca; así como o aumento das frecuencias 

 

Roberto José Álvarez Carrero, alcalde do Concello da Guarda
Foto: CdaG

Infogauda/A Guarda

 No día de hoxe, martes 29 de setembro de 2026, recibimos na redacción deste xornal dixital transfronteirizo a seguinte comunicación, que transcribimos literalmente:

 "O Concello da Guarda presentou ante a Xunta de Galicia as alegacións ao proxecto de transporte público entre A Guarda e Vigo, co obxectivo de que o deseño definitivo do servizo responda ás necesidades reais da veciñanza e teña en conta os usos e demandas existentes.  

 Dende o equipo de Goberno local considérase que a planificación do transporte público debe partir da realidade cotiá das persoas usuarias e das súas necesidades de mobilidade, especialmente cando se trata de acceder a servizos sanitarios, centros educativos e universitarios ou desprazarse diariamente entre A Guarda e Vigo.  

 Por este motivo, solicítase a revisión de determinados aspectos da proposta e a incorporación de melloras que permitan facer do transporte público unha alternativa útil, eficaz e realmente accesible para os guardeses e guardesas.  

 Unha das principais demandas é mellorar a conexión co Hospital Álvaro Cunqueiro, xa que os tempos de viaxe previstos poden superar as dúas horas ao establecerse o paso previo pola Intermodal de Vigo. O Concello reclama unha conexión máis directa que evite este desvío e reduza os tempos de desprazamento, especialmente para as persoas que deben acudir ao hospital e os seus acompañantes.  

 As alegacións tamén recollen a necesidade de reforzar as liñas os venres pola tarde no sentido Vigo - A Guarda e os domingos pola tarde no sentido A Guarda - Vigo, aumentando tanto as frecuencias como o número de prazas dispoñibles. Trátase de franxas especialmente importantes para o alumnado universitario e de formación profesional que se despraza a Vigo e a outras cidades galegas para cursar os seus estudos.  

 Do mesmo xeito, o Concello solicita ampliar a liña circular entre A Guarda e O Rosal, con servizos de luns a domingo e tamén durante as tardes, para facilitar a mobilidade entre ambos municipios e o acceso aos seus servizos, equipamentos e centros educativos, sanitarios e comerciais, especialmente para as persoas que non dispoñen de vehículo particular.  

 Entre as reclamacións presentadas figura tamén a necesidade de contar con máis frecuencias e unha maior cobertura horaria dos servizos semidirectos con Vigo, cun tempo de percorrido aproximado de unha hora e media. O obxectivo é garantir unha alternativa eficaz para as persoas que realizan este traxecto habitualmente, incrementando o número e expedicións semidirectas e ampliando os horarios nos que se prestan.   

 Finalmente, o Concello pon o foco nas necesidades do alumnado que se despraza ao Campus Universitario de Vigo (CUVI). A planificación definitiva debe ter en conta os horarios reais de entrada e saída das facultades e escolas, evitar esperas excesivas e garantir prazas suficientes, con revisións periódicas que permitan adaptar o servizo aos cambios nos horarios académicos e á evolución da demanda.  

 A Guarda precisa dun transporte público pensado para as persoas que cubra as necesidades reais da nosa veciñanza. Non abonda con establecer liñas e horarios sobre o papel: necesitamos conexións que funcionen, frecuencias suficientes e prazas para poder utilizar o transporte público de maneira efectiva".

Ningún comentario:

Publicar un comentario