3 de ago. de 2026

VIGO

Anxo M. Lorenzo celebra a “acertada presenza” no Museo do Mar da mostra homenaxe a José Suárez pola “dignificación da xente do mar” das súas fotografías 

 O director xeral de Cultura e a delegada territorial da Xunta inauguraron a exposición sobre o fotógrafo ourensán, ao que este ano se lle dedica o Día das Artes Galegas  

  O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destaca “a súa ollada vangardista para retratar a vida da xente humilde ás marxes de clixés”

 Salienta as numerosas accións que se están desenvolvendo ao abeiro da efeméride que contribúen “a situalo no lugar que lle corresponde na historia desta disciplina”  

 A mostra ’José Suárez, vida e obra’ pode visitarse ata o 9 de setembro


O  director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, no Museo do Mar de Galicia,na inauguración da exposición José Suárez, vida e obra 
Foto: XG

Infogauda/Vigo

 O  director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, celebrou hoxe a “acertada presenza” no Museo do Mar de Galicia da exposición José Suárez, vida e obra pola contribución do fotógrafo galego máis internacional “á dignificación da xente do mar a través dos seus retratos”. Por este motivos, considerou de “parada obrigatoria” neste centro museístico da Xunta da itinerancia desta mostra sobre a figura do homenaxeado co Día das Artes Galegas.

 Na inauguración da exposición coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude gabou a iniciativa da Real Academia Galega de Belas Artes de dedicarlle esta efeméride por vez primeira a un fotógrafo, “e que a escolla para dar este paso fose José Suárez”. A respecto, destacou a ollada vangardista coa que o ourensán retratou “tanto personaxes culturais senlleiros como a xente máis humilde, sempre ás marxes, fóra de clixés e creando imaxes icónicas”.  

 Precisamente, fixo fincapé en que na exposición José Suárez, vida e obra, organizada pola Real Academia Galega de Belas Artes co apoio do Goberno galego, ten unha presenza relevante a serie Mariñeiros, “cunhas imaxes poderosas que evocan e proxectan a dignidade e esforzo da xente traballadora da Galicia dunha época de grandes sacrificios persoais e colectivos”.  

Ata o 9 de setembro no Museo do Mar 

 O director xeral de Cultura puxo en valor os numerosos proxectos, como o desta exposición que, ao abeiro da efeméride da Real Academia Galega de Belas Artes, “están a contribuír a situar a José Suárez no lugar que lle corresponde na historia da fotografía”.  

 A mostra, que pode verse no Museo do Mar de Galicia ata o 9 de setembro, está composta por 16 paneis nos que se inclúen textos de Luis Seoane, Blanco Amor, Manuel Sendon, Xose Luis Suarez Canal, Domingo Garcia Sabell, Miguel de Unamuno, Jose Bergamin, Juan Manuel Bonet, Rafael Alberti, Publio Lopez Mondejar, Carlos Casares ou Lois Tobío. A itinerancia da exposición deu comezo en Lugo e, a continuación, percorreu as cidades da Coruña e A Guarda. Tras Vigo, desprazarase a Ribeira, Ferrol, Pontevedra e Santiago de Compostela.  

 Cómpre lembrar que esta exposición é unha das 70 propostas incluídas no programa As exposicións de 2026 como motor cultural da Galicia Calidade coas que a Xunta de Galicia busca fomentar o acceso á cultura e contribuír á formación da cidadanía, ao tempo que forma parte da campaña de verán do Goberno galego Para gustos, cultura con 3.600 propostas culturais distribuídas en máis de 200 concellos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario