14 de ago. de 2026

TUI

Xornada festiva co río Miño coma protagonista este sábado en Tui  

Romaría popular, Descenso Popular do Miño, e Festa Gastronómica ofrecerán máis de 12 horas de actividade con comida, piragüismo, animación e música 




Infogauda/Tui

 O río Miño marca a identidade de Tui, a súa paisaxe, e as súas xente e tamén as súas festas. Este sábado, 15 de agosto, o Miño será o protagonista coa súa festa, na que piragüismo, gastronomía e música se suceden ao longo de doce horas en escenarios coma a ribeira de Caldelas, o propio río, a praia de Areeiros, a rúa Olímpicos Tudenses, e a rúa Compostela.  

 A proposta festiva comezará ás 12 h na ribeira de Caldelas, coa romaría popular organizada polo Club Kaiak Tudense e na que este ano as elaboracións gastronómicas serán realizadas pola asociación cultural A Insua.  Un picadiscos da empresa XQuatro será o encargado de poñer a banda sonora ao mediodía neste entorno natural, no que os nenos e nenas poderán gozar dun inchable de auga.  Centos de persoas daranse cita na ribeira para xantar, e gran parte delas participarán dende as 16.30 h no Descenso Popular do Miño que conta nesta edición con 450 persoas inscritas de todas as idades.  Así o río volverá encherse de cor, de bo humor, e de diversión cunha proba que abre unha semana co piragüismo coma protagonista, xa que o sábado, 22 se celebrará o Descenso Internacional do Miño, cuxa inscrición está aberta até este domingo, 16 de agosto.  

 Para facilitar o desprazamento das persoas participantes haberá autobuses lanzadeira dende a rúa Tenencia, a carón do Parador, na que estará prohibido o estacionamento o sábado dende ás 8 h para facilitar o bo desenvolvemento do Descenso Popular. Os dorsais poderán recollerse este venres de 17 a 20 h nas instalacións do Club Kaiak Tudense ou o sábado, dende ás 12 h na ribeira de Caldelas.  

 Os e as padexeiros realizarán un percorrido non competitivo e festivo de 7 quilómetros dende Caldelas até a rúa Olímpicos Tudense, con paradas ao longo do río ou na praia de Areeiros para darse un chapuzón.  

 A festa continuará a partir das 20 h na rúa Compostela co evento gastronómico da Festa do Miño baixo a organización do Concello de Tui. Dez son os colectivos tudenses que van ofertar unha ampla proposta gastronómica na que non faltará a tortilla, a empanada, bocadillos variados, croquetas, tortas variadas, ou filloas, entre outras moitas elaboracións. Poderanse degustar nos postos da Asociación Cultural Cristo da Agonía, de Baldráns; a Banda de Gaitas Guillarei, de Guillarei; a Asociación Cultural Laxes, de Paramos; a Asociación O Mosteiro, de Pesegueiro; a Asociación de Riomuíños; a Asociación de San Bartolomeu; a Asociación Cultural Seixos Albos, de Areas; a Asociación do Traxe Tradicional; a Comisión Virxe das Dores, de Guillarei; e a Asociación Cultural Xuntanza, de Randufe, con prezos que oscilan entre 1 e 4€.  

 A charanga tudense A Tu Ritmo será a encargada de abrir as actuacións musicais da tarde cun percorrido ao longo da rúa Compostela dende as 20 h. Xa ás 21.30 h ao abeiro do programa +Música da Deputación, contarase coa Fanfarria Taquikardia, gañadores dos XII Premios Martín Codax da Música. Este grupo de referencia na festa galega. promete unha viaxe sonora polas músicas do centro e leste de Europa pero sen perder a súa impronta galega. Ás 23 h, tamén ao abeiro de +Música, será a quenda de Mekanika Rolling Band cun espectáculo que desprende enerxía, no que combinan a música en directo cos efectos visuais chocantes. Rock and roll, ska e reggae con moito aire de festa centran o seu repertorio.  

 Debido á celebración da Festa do Miño dende este venres, ás 8 h e até o domingo ás 8 h non se poderá nin circular nin estacionar na rúa Compostela, no tramo entre as rúas Ourense e Betanzos, e dende o sábado ás 8 h até o domingo ás 8 h na rúa Mondoñedo, no tramo entre as rúas Lugo e Irmáns Maristas.  

 Tui agarda a centos de persoas este sábado participando nas distintas actividades da Festa do Miño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario