Acto en Memoria de cinco veciños de Teis, asasinados o 13 de agosto de 1936
• Sábado, 8 de agosto, ás 11:00 horas, na PO-552, no desvío Forcadela-Tomiño
Helena Pousa*/Tomiño
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, en colaboración do Concello de Tomiño, imos facer un acto en Memoria de cinco veciños de Teis, asasinados o 13 de agosto de 1936, na estrada que vai de Tui-A Guarda (a P0-552) nun descampado no lugar coñecido como o monte dos Candeira.
Hai 90 anos, en xullo de 1936, un grupo de veciños de Teis destacouse na defensa da República, da liberdade e da democracia, erguendo barricadas e organizándose para frear o avance das forzas militares sublevadas.
Entre eses veciños estaban: Joaquín Adelino Álvarez López, nacido na Guarda, Evaristo Melón Martínez, Secundino Barciela Román, e mais os irmáns José Costas Rodríguez e Cesáreo Costas Rodríguez. A maior parte deles moraban na bairrada de Guixar, na rúa Santa Tegra. Tras consumarse o golpe de Estado, estiveron agochados durante os últimos días do mes de xullo. A principios de agosto fuxiron nun barco cara a Portugal. Alí foron apañados pola PVDE que os trouxo ata a fronteira de Tui.
Trala entrega, o día 11 de agosto, foron levados ao cárcere do Partido Xudicial e, en menos de dous días, de maneira extraxudicial foron sacados de paseo polas forzas de artillería de Pontevedra e dados de baixa por “conducción”. O día 13 apareceron mortos nun escampado nos lindes entre Carregal (Amorín) e Forcadela. Desde a parroquia de Forcadela, segundo narra Josefa Segret ouviu pasar unha camioneta pola estrada, e cantar a berros o “Cara al sol”. Ao lonxe sentíronse uns cantos disparos... Apenas empezaron a soar, a mestra fechou os ollos e sentiu unha angustia infinda.
O sábado imos colocar un monolito nun lugar próximo aos feitos nun terreo cedido pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Forcadela, á que agradecemos inmenso a súa boa disposición. Para achegarse alí cómpre ir pola PO-552 xusto no cruce ou desvío que conecta a actual estrada coa antiga estrada que leva a Forcadela e Tomiño.
Deixamos aquí escritos os seus nomes para que se alguén os recoñece ou sabe dalgún familiar, faga o favor de porse en contacto connosco.
JOAQUÍN ADELINO ÁLVAREZ LÓPEZ,
natural da Guarda, 23 anos
SECUNDINO BARCIELA ROMÁN,
28 anos
JOSÉ COSTAS RODRÍGUEZ,
27 anos
CESÁREO COSTAS RODRÍGUEZ,
26 anos
EVARISTO MELÓN MARTÍNEZ,
33 anos
* Presidenta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña

Ningún comentario:
Publicar un comentario