11 de ago. de 2026

TOMIÑO

Tomiño rende homenaxe a cinco veciños de Teis asasinados pola represión franquista en 1936 nun acto de reparación e lembranza colectiva 

 O Concello de Tomiño e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña renderon homenaxe o pasado sábado, 8 de agosto, a cinco defensores da República executados extraxudicialmente en 1936. 


Vista da asistencia ao acto de homenaxe a cinco veciños de Teis asasinados pola represión franquista o día 13 de agosto de 1936
Foto: CT

Infogauda/Tomiño

 O Concello de Tomiño e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña celebraron este pasado fin de semana un acto de homenaxe ao carón da estrada PO-552, no desvío de Forcadela-Tomiño, moi preto do lugar onde apareceron os corpos de Joaquín Adelino Álvarez López, Secundino Barciela Román, José Costas Rodríguez, Cesáreo Costas Rodríguez e Evaristo Melón Martínez, asasinados o 13 de agosto de 1936. 

 Os cinco formaban parte dun grupo de veciños de Teis que, tras o golpe de Estado de xullo de 1936, participaron na defensa da legalidade republicana e da democracia. Despois de permanecer agochados durante varios días, conseguiron fuxir por mar cara a Portugal, pero foron detidos e entregados ás autoridades franquistas na fronteira de Tui. Tras seren encarcerados, apenas dous días despois foron sacados da prisión e executados sen ningún tipo de procedemento xudicial. Os seus corpos apareceron nun descampado entre Carregal (Amorín) e Forcadela, á beira da estrada entre Tui e A Guarda. 

 O acto contou coa participación de Xose Ramón Paz Antón, que afondou no contexto histórico, así como da alcaldesa de Tomiño, Sandra González. Para a rexedora, "recordar a estas cinco persoas é un acto de xustiza e tamén unha responsabilidade coa nosa historia. A memoria democrática constrúese recuperando nomes, historias e lugares que durante décadas permaneceron silenciados. Só desde o coñecemento do pasado podemos seguir fortalecendo unha sociedade comprometida coa liberdade, a convivencia e os dereitos humanos"

 Sandra González agradeceu tamén o traballo desenvolvido pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, "polo rigor e o compromiso co que levan anos investigando e recuperando a historia das vítimas da represión. Grazas ao seu labor podemos coñecer mellor o noso pasado e facer que historias como esta non caian no esquecemento". 

 O acto foi organizado polo Concello de Tomiño e pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña, coa colaboración da Asociación de Veciños de Forcadela e da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Forcadela.    

Ningún comentario:

Publicar un comentario