O Concello de Tomiño reforza o operativo de limpeza de camiños con dez equipos traballando sobre o terreo
• Tres tractores, seis equipos manuais e unha retroescavadora levan semanas traballando en todo o municipio, nunha campaña que permitíu adiantar entre dúas e tres semanas os prazos do pasado ano.
Foto: CT
Infogauda/Tomiño
O Concello de Tomiño ten xa en marcha a campaña intensiva de limpeza e mantemento da rede de camiños públicos, coa que se reforzan os traballos de roza e acondicionamento en todas as parroquias do municipio. O operativo mobiliza nestes momentos tres tractores, seis equipos manuais e unha retroescavadora para a limpeza de cunetas, aos que ven de sumarse un novo tractor e un equipo manual de Seaga ao abeiro dunha subvención da Xunta de Galicia.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salienta que "estamos concentrando un importante esforzo para chegar antes a máis lugares e manter en boas condicións unha infraestrutura básica para o día a día da veciñanza. Falamos dunha rede moi extensa, que require unha planificación continua e un importante investimento de medios humanos e materiais".
O municipio conta con máis de 500 quilómetros de camiños públicos, unha distancia equivalente á que separa Tomiño de Madrid, unha cifra que dá conta da magnitude dos traballos de conservación que o Concello realiza ao longo de todo o ano e que se intensifican durante os meses de verán.
A colaboración dalgunhas comunidades de montes está a permitir desenvolver os traballos con maior axilidade, facilitando o acceso ás zonas de actuación e mellorando a coordinación. Grazas a esta colaboración e ao reforzo do operativo, o Concello prevé adiantar entre dúas e tres semanas a finalización da campaña con respecto ao ano pasado.
"Cada ano seguimos buscando fórmulas para optimizar os recursos e prestar un mellor servizo á veciñanza. O traballo coordinado coas comunidades de montes está a dar moi bos resultados e permítenos avanzar con maior rapidez", destaca a rexedora.
O Concello lembra tamén a importancia da colaboración cidadá no mantemento das marxes das parcelas particulares, unha responsabilidade que contribúe a conservar en bo estado a rede viaria municipal e a mellorar a seguridade de todas e todos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario